Volvemos ao Parlamento Galego con Nieves Villar
Desta volta fixémolo por iniciativa do BNG, que presentou unha pregunta en pleno ao conselleiro de educación e cultura, para que explicara por qué Hadrián, o fillo de Nieves, non tiña a atención educativa que necesitaba.
O Deputado do BNG exemplificou na persoa deste mozo a situación de moitos outros estudantes de ensino obrigatorio que non teñen esa “continuidade do proceso formativo” que a norma lle recoñece como un dereito, e a actual administración da xunta lle nega coma se fose unha solicitude de favor.
Preguntábase o deputado cal era o porqué de tanta dureza como se está a exercer sobre a persoa deste neno, e de todos os outros nenos que podemos ver reflectidos nel, que é o que pode xustificar a negación dos medios necesarios para continuar o seu camiño educativo aínda cando se lles cruza polo medio unha circunstancia persoal xa tan difícil como unha enfermidade de longa duración. Mesmo apuntábase se non serían máis ben persoas merecentes dunha especial protección á vista da moi especial situación que estaban a vivir.
Entre estas consideracións, o deputado do BNG saudou a Nieves, que estaba entre o público, e indicoulle ao conselleiro a conveniencia de mesmo responderlle a ela dun xeito directo, aproveitando a súa presenza; co que tamén se remataría cunha das demandas que todos facemos: falar persoalmente con este conselleiro, pero non, continúa negándose a recibir a Nieves, que tamén exemplifica a todas as nais e os pais deste País que teñen nenos con longas enfermidades; non recibir a Nieves é non recibilos a todos e todas, non é moi comprensible, nin moi aceptable.
A resposta do conselleiro foi sorprendente aínda para os que estamos afeitos a escoitar esta negación constante da realidade á que nos teñen sometidos: vivimos, segundo el, nun mundo magnífico, a atención domiciliaria, esa que non lle chega a case ninguén, que hai que pelexar hora a hora, que se divide segundo o número de enfermos cos que te coincida coexistir, que ninguén coñece como funciona, da que non hai estatísticas nin equipas de atención, esa, segundo o noso conselleiro de educación, xa está funcionando correctamente e aínda vai funcionar mellor logo de que se aplique o novo protocolo.
Non aclarou o conselleiro porqué se fai un novo protocolo que en nada modifica a situación previa se esta xa funcionaba ben; falou moito sobre a consulta aos técnicos, nós falamos cos sindicatos e co profesorado da única facultade de ciencias da educación galega que traballa esta materia, falamos tamén co profesorado experto, falamos coas responsables de varias escolas hospitalarias; ninguén nos dixo que a consellería falara con eles, como tampouco falou con nós, que algo disto sabemos aínda que non sexa máis que porque toda a normativa existente provén das reclamacións da Federación Olívica de Anpas, unha das nosas socias fundadoras, e porque é unha loita que continuamos xa dende ANPAS GALEGAS, ata hoxe mesmo. Pero o conselleiro dixo que a situación, que xa era moi boa, ía ser hoxe moito mellor grazas a ese novo protocolo, e seica deberiamos crelo.
Pois non, non o cremos porque o protocolo basease na voluntariedade, na indeterminación de dereitos, na non concreción de responsabilidades, na falta de equidade que implica ser posto en marcha tan só a instancia de parte, e en moitas outras carencias que estudaremos polo miúdo noutro artigo; pero ese escrito de ciencia ficción vai solucionar os problemas da atención educativa domiciliaria –a hospitalaria xa nin a nomea- segundo o conselleiro; oxalá os problemas se solucionaran desta maneira, con desexos e sen esforzos; pero non é así, nós sabémolo e seguiremos esixindo que todos os nenos e nenas teñan garantido o seu dereito á educación en todas as circunstancias nas que poidan verse ao longo da súa vida.
E o conselleiro que reciba a Nieves, que é o que ten que facer, e que escoite, que falta lle fai.
Son Nieves, a persoa que empezou todo este lio, e a que foi ao Parlamento onte.E vou explicar dun xeito sinxelo e rápido o que pasou onte no Parlamento. Cheguei á conclusión que é perder o tempo falar señor conselleiro porque só vai mentir e como conselleiro de educación non encaixa porque carece dela. Pero si lle sobra cara. E respecto ao diputado do BNG darlle as grazas polo xeito que tivo de enfocar a pregunta xa que fixo sacar o intelecto de Roman facéndoselle notar a pouca seguridade en si mesmo e notándeselle na voz que mentía. Noraboa sr. Cosme e grazas!