En homenaxe aos precursores da nosa pequena historia
Tódalas persoas queremos que a nosa descendencia teña mellores oportunidades, mellores medios, mellor futuro que nós mesmos; dese pensamento nace a preocupación polos nosos fillos e fillas; pero tamén queremos que medren e vivan nun mundo mellor, e aí nace a preocupación polos fillos e fillas de toda a sociedade, para que acompañen aos nosos e compartan e protexan a súa felicidade.
E aí tamén nacen as ANPAs, porque cando entendemos que os nosos fillos precisan dos fillos dos demais, tamén entendemos que nós precisamos das nais e pais deses nenos e nenas para sementar e fornecer o seu futuro.
E aí volvémonos permanentes; porque as asociacións non morren, non dormen, non descansan, fan quendas e substitucións constantes, están sempre alerta, e cada un de nós non somos máis ca un elo nesa cadea infinda da protección e da herdanza.
Por iso, cando conseguimos algo grande, como a creación desta Confederación de Anpas Galegas, temos que saber que vimos do ben facer de moitos outros e outras , e que debemos agradecer a súa presenza no seu tempo, os seus acertos e a súa insistencia porque de todos eles depende que hoxe esteamos aquí.
E ese agradecemento explícao Bertila como ningún de nós podería facelo, deámoslle pois a palabra
Estimadas compañeiras e compañeiros,
Hoxe é un deses días nos que saen fortalecidas as crenzas nos namorados, na mensaxe das estrelas, no apretón de mans, nas apertas cálidas, no traballo ben feito, na convivencia e na diversidade. Demos un paso, un paso máis alá, un paso que era necesario e que debiamos facelo.
Un paso que sumado aos pasos que dende fai décadas se foron dando ao longo das corredoiras que dalgún xeito unen as escolas de Galicia e que dados por tantas nais e pais que desinteresadamente e porque crían no ensino público estiveron aí a pleno rendemento nas ANPAS, nas nosas queridas ANPAS.
E como unha máis desa morea de nais desexo facer unha homenaxe no tempo e porque seguro que esta mañá desfrutaron véndonos na rolda de prensa a dous compañeiros especiais.
Refírome a Antón, presidente da Federación de Ferrolterra fai moitos anos, compañeiro de faenas, visionario para o seu tempo e unha persoa que tiña as ideas claras, un modo de traballar peculiar e que defendía con paixón o ensino público.
E tamén ao noso compañeiro Ceferino, fundador de Foanpas fai 22 anos, que estivo en activo ata fai 4 como directivo de Foanpas. Cría que era necesario confederarse e estivo nas xuntanzas iniciais coas Federacións da zona sur, as do Morrazo, Valmiñor, Redondela, Ponteareas…
Seguro que dende algunha nube ou estrela estarán véndonos e sentiranse satisfeitos de a onde chegamos e a onde vamos. Quizais estean sentados comendo pipas ou unha tapa de xamón ou polbo á feira, celebrando este fito.
Desexo tamén transmitir a miña satisfacción da boa convivencia, de que estamos no camiño acertado, de que somos unha troula de rapazas e rapaces (uns novos, outros máis maduriños) con moita chispa e boa saúde social.
Tamén compartir a enorme ledicia que produciu a presenza de Nerea entre nós. Lembrar a outros compañeiros e compañeiras cos que fai catro anos retomamos a idea da confederación e que aínda seguen por aí Emilio, Nel, Óscar, Loli, Mónica…
Queda un bo camiño que percorrer, moitas pedras, ventos e marexadas pero estamos feitos a traballar coas inclemencias (volo dí unha montañeira escaladora) máis ímolo conseguir.
…foi un pracer e unha honra formar parte do equipo das persoas que andiveron este camiño para este éxito…un saúdo e unha aperta enorme a tod@s,…e por suposto é un pracer seguir formando parte desta familia, que inda que non dende unha directiva, si dende o papel de pai que quere o millor para @s nos@s fill@s e por suposto para nós mesm@s como sociedade…
PARABÉNS E CONTINUAMOS O CAMIÑO…VERÉMONOS !!!!