Anpas Galegas na UDC: autonomía pedagóxica, calidade e xestión democrática
Participamos na mesa redonda na UDC sobre a autonomía pedagóxica: calidade e xestión democrática (das xornadas da NEG)
Integrantes:
– Emilio González Legaspi, exdirector do IES do San Cibrao
– Juan José Félez, exdirector do CEIP Anxo da Guarda da Coruña
– Xosé Antón de la Fuente Subiela, Confederación de Anpas Galegas
– Moderador: Xosé Lastra Muruais, vicepresidente de NEG.
Intervención:
As ANPAs Galegas levamos realizando un traballo intenso, debido aos constantes ataques ao Ensino Público Galego que, ultimamente, estamos a sufrir.
A lista de agravios é longa:
– Recortes á presenza da nosa lingua, aos dereitos lingüísticos básicos dun pobo, coa aplicación do Decreto de Plurilingüísmo que impide que as Matemáticas, a Tecnoloxía ou a Física se impartan en galego. Nais e pais non dabamos creto a que se retiraran milleiros de libros de texto de préstamo en vixencia só polo feito de estaren escritos en galego.
– Recortes de profesorado, e outro persoal como as coidadoras para alumnado con dependencia.
– A eliminación do sistema de gratuidade de libros de texto.
– O decreto de comedores.
– Os recortes en bolsas de estudos, …
E agora a LOMCE, que seica viña para incrementar a calidade do Ensino e aumentar a autonomía dos centros.
Para nós, coma nais e pais, mellorar a calidade pasa por atender á diversidade, dar resposta ás necesidades de cada nena ou neno, compensando as desigualdades.
Pero a LOMCE pretende todo o contrario:
Resulta evidente que pon o sistema educativo aos pés do mercado. É unha lei destinada a formar unha gran masa de man de obra barata e unha elite, poderosa e ben formada, mantendo á maioría social no umbral da pobreza e cun baixo nivel de formación.
Trátase, en definitiva, dunha lei que non cre na educación como instrumento de mellora social senón como un instrumento ao servizo do mercado, que perpetúa as desigualdades.
Para isto emprega distintos instrumentos:
1- A volta das reválidas franquistas.
O deseñadores da LOMCE parten da idea de que o único problema é a falta de esforzo e de disciplina. E con exames de lapis e papel xa van superar todas as dificultades.
Poñéndolles obstáculos vai aumentar a motivación do alumnado?
Ou vai facer que aumente o sentimento de fracaso?
Van supoñer a expulsión do sistema educativo do alumnado con dificultades e con poucos recursos económicos, que non poida pagarse clases de reforzo para superar as reválidas.
Desde pequeniños vanlles dicir ás nosas fillas e fillos: ti serves, ti non.
2- Ningunean ao profesorado.
Van facer as reválidas persoas que non coñecen ás nosas fillas e fillos.
3. Ataca á propia cultura.
Quita competencias ás comunidades autónomas e aos propios equipos docentes impedindo un coñecemento máis relacionado co entorno do alumnado. O ensino ao servizo de visións uniformes e nada respectuosas coa realidade inmediata do alumnado.
4- Establecendo rankings de centros.
Adiviñades que centros van estar nos primeiros postos? Aqueles que seleccionen ao alumnado, con grupos homoxéneos, sen NEE. Privados, que dispoñan de máis recursos e medios. Pero ao que non vai poder ir alumnado das familias sen recursos.
5- Crearse un GRAN NEGOCIO co Ensino.
Canto nos van custar?
Nunha època de recortes imos gastar nisto?
6- Eliminase a xestión democrática dos centros educativos
O Consello Escolar só terá funcións consultivas. Ou sexa, non terá función ningunha. Familias, alumnado e profesorado somos convidados de pedra.
7- Eliminase a obriga de garantir prazas públicas suficientes.
8- Cambiarse a organización de primaria e secundaria.
Na Primaria elimínanse os ciclos, esquecendo a evolución e os ritmos diversos nestas primeiras etapas.
Na ESO en 3º xa teñan que ter claro se van a bacharelato ou a FP: Elixindo entre Matemáticas para bacharelato ou para FP.
Que alumnado vai elixir a opción de FP?
O que ten dificultades e a familia non pode pagar clases particulares.
O que , sen ter dificultades, busca unha saída laboral rápida pola situación económica familiar.
En concellos no que o 70% do emprego estaba directa ou indirectamente relacionado coa construción, podedes imaxinar como está a situación actual das familias?