Iniciamos a campaña para relanzar a gratuidade dos libros de texto e material escolar
A Confederación de Anpas Galegas vén de acordar na reunión da súa Xunta Directiva celebrada en Compostela o pasado 7 de febreiro, o inicio dunha campaña para relanzar a permanente reivindicación da gratuidade de todo o material escolar, e moi en concreto dos libros de texto, no ensino obrigatorio así como a aposta polo sistema de préstamo como fórmula para artellar o uso de libros de texto na nosa Comunidade.
Nós entendemos o ensino obrigatorio como unha incuestionabel responsabilidade social, como unha conquista histórica que debemos aprezar dun xeito distinguido. E esa especial atención tense que materializar na presenza de todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto.
Defendemos a absoluta, completa e universal gratuidade de todo o ensino público obrigatorio, e de todo o material que ese ensino precise; e asumimos totalmente o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo: A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido.
Por iso, comezamos unha campaña de demanda social na que as asociacións de nais e pais de alumnos deste País, diremos publicamente que queremos que sexa a administración educativa galega quen proporcione os libros de texto, e esixiremos que o faga sen subvencións nin cheques, senón mediante un sistema de préstamo que, ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude.
1 resposta
[…] as xornadas de NEAE, a xestión de sistemas de comunicación, a avaliación de proceso da campaña sobre un sistema universal de libros de préstamo e material escolar, […]