Ensino Público Galego versus Ensino Privado
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, Xesús Vázquez Abad, presidiu este pasado venres, 14 de marzo, a entrega dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2012/2013 e de Formación Profesional correspondentes ao curso 2011/2012; así como os galardóns da fase galega do XIV Concurso Hispanoamericano de Ortografía 2013.
O titular do departamento da consellaría de educación salientou estes premios como un froito do esforzo do alumnado, das familias e do profesorado.
Ao premio de bacharelato preséntase o alumnado de centros públicos e privados de toda Galiza. Para poder participar nestas probas deben obter unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos (media de sobresaliente).
O resultado destes Premios Extraordinarios amosa uns datos ben interesantes:
nos 15 primeiros postos hai 12 alumn@s de centros públicos e só hai 3 de centros privados. Se atendemos aos parámetros “Wert” e avaliamos a calidade polos resultados obtidos, os centros públicos alcanzan os primeiros postos e os privados saen moi mal parados.
Todas e todos sabemos que a calidade do ensino non se avalía dese xeito (polo menos sería incorrecto) pero, como o goberno do estado e o da Xunta de Galiza usan a xestión das empresas privadas de ensino como exemplo a seguir, o sistema de xestión privada sae bastante mal parado.
Pasa o mesmo no caso dos Premios Extraordinarios de Formación Profesional de grao superior, onde se recoñeceu o traballo de 21 estudantes. Para optar a estes premios extraordinarios de FP os aspirantes debían ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2012 nun centro docente de Galiza e ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50.
Atendendo aos excelentes resultados que obtivo o alumnado de FP dos centros públicos, cal é a razón de concertar ciclos formativos con centros privados mentres se lles denega aos públicos?
Se nos centros públicos hai espazo suficiente e profesorado tan ben preparado para impartilo, o que supón un aforro considerábel para as arcas públicas, que sentido ten favorecer ás empresas de ensino privado que sacan tan malos resultados?
Como pon a pancarta deste artigo: Se os cartos son públicos, o ensino tamén. E ademais dá, como comprobamos, mellores resultados educativos.
Desmontando a Wert! Noraboa a todos os implicados.
O diñeiro público no ensino público.
Esto di moito. Os nosos nenos no publico e o noso diñeiro tamen para que eles poidan ser o que queran, para eso traballamos os seus pais.