Sobre a elección de director@s de centros de ensino
Dende o momento no que apareceu o primeiro anteproxecto do que hoxe xa é a LOMCE, as asociacións de nais e pais de alumnos dixemos sempre que esta Lei pretendía botar ás familias fóra dos centros educativos. Agora, coa lei xa aprobada, imos ir comprobando, paseniñamente, como aqueles primeiros ditos estanse convertindo en realidades.
Esta lei deseña un modelo formativo, que non educativo, encamiñado exclusivamente á obtención de traballadores, un sistema utilitarista do ensino, onde o paso do alumnado polas aulas só se xustifica pola consecución de competencias que servan para a súa futura integración no mercado laboral.
E nese contexto, as familias, as nais e pais do alumnado, non queren que teñamos nada que dicir; e así reduciron drasticamente as posibilidades de decisión dos consellos escolares, e así tamén, como sae estes días na prensa, retírannos, e tamén llelo fan ao propio profesorado, a capacidade de crear un consenso real na escolla dos directores ou directoras dos centros educativos.
Por iso, dende a Confederación de Anpas Galegas, rexeitouse totalmente a nova normativa de elección de directores que apareceu bocexada estes días, e sumámonos á idea de que non existan candidaturas que non veñan avaladas pola comunidade escolar no seu conxunto, para a que vida dos nosos centros de ensino continúe, malia a LOMCE, coa normalidade democrática que lles cómpre.
1 resposta
[…] Do mesmo xeito, rexeitamos totalmente a nova normativa de elección de director@s que apareceu bocexada estes días, e compartimos a idea da Confederación de Anpas Galegas de que non existan candidaturas que non veñan avaladas pola comunidade escolar no seu conxunto. […]