Un intenso II encontro de Anpas Galegas na Costa da Morte
Dividimos o II encontro de Anpas Galegas en dous apartados, un para a formación (en horario de mañá) e outro (en horario de tarde) para confraternización, unha xusta mestura de razón e sentimento positivo para compartir entre todas e todos.
Ao longo das xornada de mañá contamos cun servizo de ludoteca infantil atendido por dúas especialistas que necesitaron axuda doutros colaboradores, diante da masiva afluencia nas primeiras horas da mañá. Contacontos, pinturas, xogos participativos, manualidades e bailes para as cativas e cativos encheron de festa o pazo da cultura de Vimianzo.
*Clica aquí para acceder ás imaxes.
Mentres os máis novos estaban tan ocupados, iniciamos as actividades previstas para ANPAs e federacións de Anpas Galegas. O programa desenvolveuse do seguinte xeito:
– Ás 10:45 h. Recepción de asistentes, entrega de diversa documentación (tamén de diversos folletos turísticos dos distintos concellos da Costa da Morte) e presentación do contido das xornadas sobre o Ensino Público Galego.
– Ás 11:00 h. Benvida do alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos.
O alcalde falounos do corazón da Terra de Soneira, esta parte intermedia da Costa da Morte, famosa pola súa gastronomía, que combina mar e terra, lendas e unha enorme variedade de monumentos megalíticos. Tamén nos convidou ao vindeiro asalto ao castelo.
– Ás 11:15 h. Comezou a ponencia sobre a existencia da Confederación de ANPAS GALEGAS “unha realidade necesaria na defensa do Ensino Público Galego”. Anpas Galegas é resultado de varios anos de traballo en común, de experiencias compartidas das diversas federacións que compoñen a nosa confederación. A charla sobre esta nova andaina estivo a cargo de Javier Sánchez García – presidente de ANPAS GALEGAS.
Explicou o presidente que as ANPAs non son organizacións provedoras de servizos, non debe confundirse a cobertura de necesidades inaprazables, que levou e leva a moitas anpas á organización de servizos complementarios diante da inacción da Administración Pública, cos obxectivos reais destas organizacións. As ANPAs deben ser o lugar onde se artelle a participación das familias na vida dos centros, colaborando co profesorado e coa dirección dos mesmos, para a mellora da educación e da vida das nosas fillas e fillos. E tamén debe ser un lugar de demanda permanente sobre a Administración Educativa, participando dun xeito directo e/ou representativo, segundo o ámbito da demanda, na denuncia de necesidades e na formación de alternativas e solucións.
– Ás 11:50 h. A xestión das ANPAS. Esta ponencia, sobre a lexislación, normativas e os aspectos prácticos a ter en conta que lles afectan ás ANPAs, estivo a cargo de Elvira Lombao Vila, secretaria de ANPAS GALEGAS.
Unha longa serie de preguntas, coas súas inmediatas respostas, alongaron máis o tempo marcado para esta ponencia. A organización optou por incrementalo un pouco máis, co obxectivo de que todas as dúbidas, tanto no ámbito administrativo, fiscal ou no apartado sobre os seguros foran aclaradas pola secretaria da Confederación.
– Ás 13:05 h. A LOMCE, situación actual foi a ponencia que presentou María Rei Vilas, integrante das ANPAS da Costa da Morte.
Quedou claro que esta contrarreforma uniunos a toda a comunidade educativa e provocou o maior esforzo mobilizador contra a LOMCE nas ANPAs, un colectivo que en varias cidades e pobos de Galiza semellaba estar durmido. No debate posterior á conferencia considerouse acaído continuar reivindicando a retirada desta lei.
Mentres non se derrogue a LOMCE debemos manter as mobilizacións, facendo un exercicio de de imaxinación para que a sociedade siga a escoitar as nosas propostas. O obxectivo é que os gobernos galego e central atendan as demandas da maioría social e retiren esa lei antieducativa.
– De 14:00 a 16:00 h. realizamos un descanso para o xantar, que aproveitamos para iniciar un coloquio informal entre as persoas asistentes.
– Ás 16:00 h. comezamos a visita ao castelo de Vimianzo. Con representación, en formato de teatro na rúa, da historia do castelo, a cargo da compañía de teatro “OS QUINQUILLÁNS”.
Elvira e Roi do Cereixo reproducen un feito decisivo na historia de Galiza e do Castelo, o que se coñece como A Guerra Irmandiña (finais do s.XV – 1467). O pobo cansado pola presión económica exercida polos señores feudais e polos abusos e violencia exercidos sobre eles, decide tomar ao asalto as fortalezas.
Este acontecemento vai provocar a fuxida de toda a gran nobreza galega cara a Castela e Portugal, sendo destruídas ou seriamente danadas a maioría das fortificacións existentes. O mesmo lle aconteceu ao castelo de Vimianzo, que será tomado ao asalto, segundo nos contaron a Elvira e o Roi. A rebelión non durou moito. Os nobres escapados reorganizáronse en Castela, emprendendo a recuperación das súas posesións no ano 1469. E a historia segue…pero mellor achégate a Vimianzo para saber máis!
– Ás 17:00h Roteiro pola Costa da Morte. A Costa da Vida.
Saímos de Vimianzo cara o faro de Cabo Vilán, que sinala un dos tramos máis perigosos da Costa da Morte, pero tamén dos máis fermosos. Este faro eléctrico (o máis antigo do estado español) está nun enclave que foi declarado de Interese Nacional e hoxe en día é Monumento Natural.
Despois de visitar a lagoa e da praia de Traba, coñecida co nome de Espazo natural da Lagoa e Dunas de Traba, rematamos observando os Penedos de Pasarela (Vimianzo) un dos centros de arte máis impresionantes de Costa da Morte. Unha arte feita polo vento e a auga que produciu esta paisaxe de formas pétreas. Os Penedos de Pasarela e Traba que están limitados por catro picos: A Pena dos Mouros, A Torre da Moa, o Castelo e Pena Forcada.
Ás 20:00 Chegamos a Vimianzo e rematamos a xornada. Agardamos polo III encontro de Anpas Galegas!
4 respostas
[…] Confederación de Anpas Galegas escollía Vimianzo para realizar o II Encontro de Anpas. E o fixo despois do gran traballo durante […]
[…] Para saber sobre o II encontro de ANPAS GALEGAS máis clica aquí […]
[…] Queres saber como foi a xornada? Clica aquí para ter máis datos […]
[…] Fedanpa. […]