Apertura de comedores escolares no verán ou tratamento integral da situación familiar?
Nestes últimos días estase a debater nos medios de comunicación ( por exemplo en Sermos Galiza, Faro de Vigo, Voz de Galicia, Correo Galego) sobre a conveniencia dunha iniciativa, que aparenta xurdir por moitas vías, que pretende conseguir que os comedores escolares abran durante o verán para “paliar a fame infantil”.
As opinións que se van vertendo semellan polarizar aos representantes sociais en dous bandos diferentes:
- Os partidarios de abrir os comedores escolares, e atender alí ás nenas e nenos economicamente necesitados, entendendo por atención o feito de lles facilitar unha comida diaria nos días laborables; ao igual que se fai durante o período lectivo.
- Os partidarios de solucionar as necesidades a través das canles ordinarias de atención social, entendendo solucionar como un concepto global que abranga a toda a familia, todas as comidas e todos os días, procurando á vez a mellora da súa situación global.
Cal é a postura da confederación de ANPAs Galegas?
Anpas Galegas encádrase na segunda opinión, loxicamente.
Estamos diante dunha situación de indiscutible crise económica e que é evidente que existe unha, cada vez maior, urxencia no tratamento das necesidades sociais, e na cobertura dos múltiples casos de necesidade que se están a detectar.
Por iso, aínda máis, temos que reivindicar que a atención ás necesidades básicas da infancia debe facerse dentro dun tratamento integral das súas familias, que son o seu lugar de abrigo e referencia, e no seu ámbito espacial e emocional.
É importante subliñar que ninguén anda a discutir sobre a necesidade de dar cobertura ás situacións de emerxencia social; na medida na que a emerxencia social é unha situación sobrevida, non intencionada e nin moito menos merecida, que non é consecuencia de ningún acto previo consciente. É unha situación que non encaixa no concepto de responsabilidade individual senón no de solidariedade colectiva: ninguén quere “ser pobre”, e por iso formamos parte dunha comunidade que nos ten que protexer desa continxencia. E esa protección é o noso dereito; un dereito que debe ser exercitado e cuberto sen deteriorar ningún dos outros dereitos que posuímos como cidadáns no marco xurídico no que vivimos.
Como decíamos antes, estamos diante dunha situación de indiscutible crise económica, na que levamos instalados máis de seis anos, e cun sistema político que está facendo evolucionar o país cara a unha, cada vez maior, desigualdade.
Así o están destacando todos os estudos que se fan sobre situación social:
– nos indicadores de Eurostat, o estado español aparece como o país con maior desigualdade da eurozona, só por detrás de Letonia) e sería o que mantén a diferenza máis alta entre ingresos altos e baixos de toda a Unión Europea.
– O barómetro social de España mostra que se ten producido un retroceso significativo nas condicións de vida até límites non coñecidos nos últimos vinte anos.
– O informe da OCDE publicado en 2014 sitúa a España como o oitavo país con maior desigualdade dos 34 membros do grupo e no que máis se incrementaron as diferenzas sociais…).
É evidente que existe unha, cada vez maior, urxencia no tratamento das necesidades sociais, e na cobertura dos múltiples casos de necesidade que se están a detectar.
En calquera momento no que a sociedade se atopa, diante dunha situación de emerxencia, existe tamén unha tendencia a procurar unha solución que teña o mesmo carácter de urxencia. Neste caso, adóitase confundir a emerxencia conxuntural, que é a que require de tratamentos urxentes e excepcionais, coa visualización dun problema emerxente, que está aparecendo, pero que non vai desaparecer con tratamentos a curto prazo.
En certa medida, o que está a acontecer coa demanda de apertura dos comedores escolares é exactamente iso: “hai nen@s con fame, deámoslles de comer”. E obviamos a diferenza entre que hoxe teñan fame por unha circunstancia diversa, e o feito de que son nen@s que teñen fame dun xeito estrutural, porque as súas familias -que tamén teñen fame, convén non esquecer isto- non poden alimentalos coa normalidade que precisan e á que teñen dereito.
O problema que se está a destapar é de fondo e ten un gran calado, e as solucións que se oferten deben estar moi apartadas, tanto dos conceptos de beneficencia – expresión á que hai que ir privando de calquera connotación positiva – como de improvisación, porque a solución debe ser complexa e planificada. E o primeiro paso para avanzar na solución está en encomendárllela aos xestores especializados, que son os que teñen o coñecemento, os datos e a disposición de tratar os problemas dun xeito completo e correcto.
E dentro dos xestores especializados non estamos, en ningún momento, as ANPAs. As ANPAs créanse e teñen como función a Educación, no noso caso o Ensino Público, como partícipes, colaboradoras, promotoras de participación, representantes e asistentas das familias, como demandantes de mellora, como impulsoras de cambios e como denunciantes de carencias. Pero sempre, en todo momento, movéndonos no terreo da Educación e nunca por paralelas que ás veces transcorran as realidades, no tratamento da asistencia social.
É certo que as ANPAs, como calquera outro colectivo que trate e se relacione con grupos humanos, pode ter unha certa información sobre as realidades que vai coñecendo durante o desenvolvemento das súas actividades, pero ese coñecemento, que non é exhaustivo nin pode extrapolarse como dato xeral, só debe ser utilizado como unha canle informativa aos servizos sociais de cada Administración Pública, para que sexa ela quen lle dea a correcta e profesional solución que as ANPAs nin somos quen de aportar, nin temos como obxectivo estatutario.
Si que pode falar con voz especializada, por exemplo, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, quen dá absolutamente no cravo cando indica que o problema non é outro que o aumento da pobreza en Galiza. E remacha con autoridade cando indica que a solución estaría na vontade política de resolver o serio problema da fame como resultado inevitable da pobreza infantil e das familias.
E aí precisamente está a definición e a solución do problema: se hai fame é porque hai pobreza, e se hai pobreza é porque as autoridades políticas e económicas non está traballando na liña das políticas de redistribución e de recoñecemento e abeiro dos dereitos de todos os cidadáns deste país.
E o tratamento da pobreza, mesmo nos casos de emerxencia, hai que facelo sempre dende dúas ópticas:
– O respecto absoluto polos individuos puntualmente afectados; e ese respecto implica unha atención especial á súa dignidade: a consideración de que a cobertura social é un dereito que todas e todos temos e que temos que poder utilizar cando se dean as circunstancias que o fan preciso; e tamén implica un delicado coidado da intimidade.
Os momentos de necesidade social son percibidos por cada quen de nós como un fracaso dun proxecto persoal, e poden dar lugar a unha categorización social que impida a propia superación – a económica, as máis das veces, non depende do individuo- desa fase puntual da vida. Por iso é moi importante, e así o fan sempre os profesionais, que o apoio da sociedade se manifeste sen publicidade.
– A pretensión de que as intervencións sirvan para solucionar o problema a longo prazo, o que quizais sexa o máis difícil de comprender á vista da necesidade imperiosa. Hai que escapar das solucións de urxencia porque a pobreza non é, somentes, unha urxencia; a pobreza está aquí para se quedar se non poñemos solucións a medio e longo prazo.
É certo que quen ten fame necesita comer, pero pódese comer nun espazo socialmente protexido, e familiarmente amable, pódese comer na propia casa, coa seguridade de que todos os teus están tamén comendo, ou podes ser levado a un lugar onde todos te poidan ver, xulgar e clasificar; todos nós, se temos fame, iriamos a onde fose, pero iso non xustifica que outros, que temos a obriga de atendérmonos integramente, nos leven.
E se todo o dito é aplicable aos casos de necesidades económicas que son a causa da pobreza, da malnutrición, das carencias de abrigo ou hixiene, vólvese moitísimo máis claro cando os suxeitos que sofren esa situación están na súa infancia.
A Convención sobre os dereitos do neno, que aprobou a Asemblea Xeral da ONU o 20 de novembro de 1989, e que foi ratificada no noso ordenamento xurídico o 30 de novembro de 1990, hai xa preto de vinte e catro anos, establece no seu artigo 18 que:
“Incumbirá aos pais a responsabilidade primordial da crianza e o desenvolvemento do neno e, aos efectos de garantir e promover os dereitos da presente convención, os Estados Partes prestarán a asistencia axeitada aos pais, e aos representantes legais para o desenvolvemento das súas funcións no que atinxe á crianza do neno”
E no seu artigo 27 di :
“Os Estados partes recoñecen o dereito de todo neno a un nivel de vida axeitado para o seu desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral e social.
Os Estados Partes adoptarán medidas apropiadas para axudar aos pais e a outras persoas responsables do neno a dar efectividade a ese dereito, e no caso necesario proporcionarán asistencia material e programas de apoio, particularmente con respecto á nutrición, vestiario e vivenda “
Ambas as dúas referencias combinadas co que se establece no artigo 7, “o neno terá dereito a ser coidado polos seus pais”, informan xa claramente sobre quen debe ser o beneficiario directo das axudas públicas que se realicen para así dar cumprimento á obriga de atención indirecta das nenas e nenos, e que se pode expresar con facilidade na seguinte frase: asistamos ás familias para que as nenas e nenos medren sans e felices nelas.
Por iso, aínda máis, temos que reivindicar que a atención ás necesidades básicas da infancia debe facerse dentro dun tratamento integral das súas familias, que son o seu lugar de abrigo e referencia, e no seu ámbito espacial e emocional. O feito de que consideremos que estes problemas están fóra da nosa competencia non quere dicir que non sexamos sensibles a eles. Ou que non queiramos ter e expor unha formada opinión sobre os mesmos.
Por último, non estamos dacordo en que calquera axuda implique a visualización pública das persoas axudadas.
Estamos en contra de todas as políticas económicas que están propiciando a existencia, cada vez máis numerosa, de concidadáns afectados inxustamente por unha situación de necesidade, e que están incrementando a fenda entre as clases sociais, no canto de traballar pola equidade na distribución dos recursos e dos medios con que conta esa sociedade.
1 Response
[…] Para un maior e máis completa información do noso punto de vista, invítovos a visitar o artigo publicado no noso blog: http://www.anpasgalegas.gal/2014/06/apertura-de-comedores-escolares-no-veran-ou-tratamento-integral-… […]