Sistema de préstamo universal de libros de texto versus “axuda solidaria” para adquisición de libros de texto
A consellería de cultura, educación e ordenación universitaria ven de publicar no DOG, como os últimos anos, a orde que regula a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto para o alumnado de centros sostidos con fondos públicos para o curso 2014/15.
O texto desta norma afonda e acrecenta os erros de anos anteriores, e o lamentable é que son erros que se veñen denunciando sistematicamente dende todos os colectivos implicados no ensino.
Tanto as familias como os profesionais docentes sabemos que este sistema é incorrecto, custoso e non equitativo. Mesmo a defensora do pobo ten indicado no seu informe (de outubro pasado) que os sistemas de subvencións para a adquisición de libros de texto son menos eficientes, dende un punto de vista económico, e non fomentan actitudes e valores de uso responsables dos bens, como si ocorre cos sistemas de préstamo.
Para entender a inconsistencia dos sistemas de subvención hai que entender, primeiro, de onde ven a utilización de diñeiro público na compra dun ben que semella privado tal e como son os libros de texto:
A constitución, no seu artigo 27.4, establece que “o ensino básico é obrigatorio e gratuíto” e sucesivas leis educativas identifican “básico” como “obrigatorio”. Ou sexa, o ensino de primaria e secundaria, dos 6 aos 16 anos de idade; polo tanto o custo deste ensino, cando se imparte en centros públicos, debe ser absolutamente gratuíto en todos os seus aspectos, nomeadamente nos libros de texto, pero tamén nos materiais didácticos utilizados e calquera outro recurso educativo que se puidese ter que utilizar.
Porén, na nosa cultura, a subvención, a “axuda” como di a norma que nos ocupa, implica a existencia dun gasto por parte do suxeito “axudado”. Nestes casos, a administración “colabora”, “participa” ou “reintegra” parcialmente un gasto que hai que realizar, de tal maneira que traslada ás familias a carga que a constitución lle impón á propia Administración, que pasa de ser garante de legalidade a transgresora de preceptos constitucionais básicos, como neste caso.
Hai que entender, en consecuencia, que o ensino obrigatorio gratuíto é un dereito absoluto de todas as persoas que vivimos neste réxime xurídico e que pretendemos educar aos nosos fillos e fillas no ensino público. Ningún poder político pode limitar ese dereito porque existe un precepto superior que llo impide; ninguén ten que nos dar nada, o ensino gratuíto é noso, forma parte desas regras do xogo que se nomean sistematicamente como intocábeis, é o que quixemos darnos a nós mesmos como marco de convivencia.
E ese é o primeiro despropósito dos sistemas de axudas, pero hai moitísimo máis:
– É extemporáneo, porque distribúe o dereito á axuda dacordo á situación dunha familia a 31-12-2012, hai ano e medio nesta convocatoria.
Descoñecen os nosos gobernantes a cantidade de posibles cambios aos que están suxeitas as nosas vidas nese período?
– É insuficiente: os libros de texto custan máis do que aportan as axudas; mesmo se o sistema estivese, que non o está, absolutamente acertado na elección dos “axudados”, nin así lles chegaría para subvencionar o gasto que teñen que facer. E os libros só representan unha parte do custo do ensino.
– É antiecolóxico, na sociedade na que vivimos hoxendía, onde os valores da reciclaxe e a reutilización de bens están mesmo nos plans de estudo dos nosos fillos, un sistema de axudas afonda no concepto de consumo, de compra sistemática de novas unidades dun produto que non é en absoluto necesario producir nesa medida.
– É antieducativo, pola mesma razón, andamos a lle explicar aos nosos fillos e fillas que as cousas teñen moitas vidas, e que deben coidalas para que esas vidas sexan cada vez máis, e á vez metémoslles nas mans todos os anos un libro, que é papel, que é natureza (o primeiro que entende un neno é que un libro ven dunha árbore), inutilmente novo e que queda novo nos andeis da casa cando remata o curso.
– É antieconómico, a Administración está a gastar todos os anos unha cantidade enorme de diñeiro que vai parar a eses andeis das casas das que antes falaba; se a sociedade se deixara guiar polo discurso gobernamental, todo ese diñeiro metido en papel estaría inutilizado ocupando espazo estéril; aínda é ben que nós sempre tivemos máis atención ás cousas do que determinadas políticas quixeran, e sabemos reutilizar os bens que poden servir para outros.
– E de difícil xestión, a Administración está utilizando ao profesorado, que ten como función a educación, para realizar complexas e burocráticas labores administrativas que lle son impropias, e que lle impiden adicarse ao seu traballo principal; temos aos equipos directivos repartindo folletos, cubrindo instancias, enchendo formularios, e tramitando axudas de algo que non é da súa competencia.
Boa parte destes erros indicados previamente podería pensarse que se palían coas grandes novidades da convocatoria deste ano: o incremento do control do destino da axuda, fabricando burocracia para garantir que o diñeiro se emprega na compra de libros de texto, a obriga de devolución dos libros adquiridos coa axuda recibida, e a futura creación con eses libros dun “fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros)”.
O certo é que isto, antes de mellorar a situación previa, o que fai é complicala e invalidala aínda máis:
– Converte ás librerías en “colaboradores necesarios” , agora xa temos a dous sectores non axeitados tramitando axudas: o profesorado e os libreiros.
– Anula totalmente a posibilidade de adicar a axuda á adquisición de material complementario, agás dunhas poucas excepcións, verémonos no absurdo de que unha familia que precise as axudas pero que teña xa os libros de texto porque alguén, mesmo un irmán maior, lle doe os libros, só podería mercar uns novos; pero non podería mercar un lapis. Aí vemos novamente incumprido o precepto constitucional de gratuidade do ensino.
– Incrementa as dificultades de xestión do profesorado dun xeito exponencial, porque terán non só que tramitar as subvencións, tamén terán que recoller os libros, clasificalos e entregalos para o ano seguinte.
– Ten un enorme risco de discriminación: no mes de xuño do ano 2015 asistiremos ao espectáculo de ver como o profesorado se converte en colleitador de libros de texto pagados con axudas públicas. Hanlles facer unha marca para distinguilos? Dirán nas clases: “este neno e estoutro teñen que deixar os libros porque son pobres e llelos pagou a xunta” ? Diranlles aos nenos durante o curso: “ti escribe no libro sen problemas, pero ti non que o libro non é teu de todo e tes que devolvelo?.
E todo isto cando estamos nun momento no que a axuda pública, xa que non se quere ver como o dereito que é, sabemos que só debe ter a finalidade de garantir a equidade no trato entre as persoas que formamos a sociedade, imos crear unha visibilización da necesidade entre os nenos. Xa só falta que os libros “da xunta” sexan doutra cor.
– Ten un enorme custo: ao custo laboral, enorme, de xestionar todo ese absurdo sistema de xestión-devolución-entrega, haberá que incrementarlle o das reclamacións aos incumpridores, o dos libros que se deterioren, porque os nenos son nenos e poden romper un libro, o dos libros perdidos, os que correspondan a alumnos trasladados…
– Métenos de cheo nunha indeterminación absoluta: quen van ser os beneficiarios dos libros recuperados? A partir do curso 2015-16 as axudas van ser en especie ou asistiremos ao paradoxo de ver como a xente que non tiña dereito a unha axuda nun ano é beneficiaria ao ano seguinte do produto comprado con esa mesma axuda?c
Como imos compaxinar este sistema cos cambios de libros de texto que ocorren cada catro ou seis anos ? Ese fondo solidario será como unha caste de ruleta na que se acerta de cando en vez?
Sabemos todos como se chama o propiciado por unha norma que non permite expectativas fiables, que non garante igualdade entre os implicados, que introduce a aleatoriedade entre os diferentes suxeitos que se poden ver afectados? Pois claramente: é unha norma inxusta, ilegal e discriminatoria.
Por iso esiximos, de novo e continuadamente: hai que volver ao sistema de préstamo universal de libros de texto, todos os nenos e nenas, veñan de onde veñan, teñan o diñeiro que teñan as súas familias, chámense como se chamen as súas culturas, teñen dereito a entrar nunha aula e ser iguais que todos os demais nenos e nenas, e nós temos a obriga de garantirlles ese dereito.
Porqué algo tan claro é tan simple resulta tan difícil de entender para a administración? Cales son os verdadeiros intereses que manteñen vivo un sistema tan pernicioso para a propia educación? As ANPAS falamos claro e queremos a mesma claridade administrativa. Eles son os nosos xestores, se non saben facelo acabemos con eles.
Existe un imcumprimento por parte dos xestor@s da Administración, ensino público e gratuito. Mentras apliquemos parches, voluntariado do profesorado na xestión administrativa, voluntariado das persoas que participan nas ANPAS, solucións individuis por parte dun pai ou nai, non se abordará nen solucionará o problema, seguiremos permitindo que se incumpra a Lei, ensino público, obrigatorio e gratuito.
Que alternativas podemos por en prática? Por qué seguimos traballando co libro de texto? Contamos con outros recursos…