Comezamos de novo. Curso 2014 – 2015
Hoxe comeza un novo curso escolar, as nosas nenas e nenos volverán ir ao colexio con esa ilusión e entusiasmo que nos fai sorrir a todos, e con todo ese futuro que teñen por diante. Ese futuro que fai que as súas nais e pais os miremos con esa mestura de orgullo e temor coa que sempre enfrontamos o futuro das nosas familias.
Nós, a nosa confederación, tamén comeza este curso, o seu primeiro curso completo porque no anterior incorporámonos tarde, polo menos formalmente, e queremos comezalo coa mesma ilusión, coas mesmas gañas e co mesmo interese que o farán os nosas fillas e fillos.
O curso pasado aprendemos moitas cousas. Ben é certo que tampouco viñamos sen saber nada, e pelexamos en moitas prazas, permitídenos facer un pequeno resumo do que foi o curso:
- Presentámonos ao público o 10 de decembro de 2013, para dicir claramente que queriamos un ensino Galego, laico, público, gratuíto, conciliador, adaptado, inclusivo…
- Dixemos iso en público, na prensa que nos deu eco, e tamén en reunións particulares: fixemos unha ampla rolda de presentación con todas as forzas políticas e sindicais, fixémola os voceiros da confederación e tamén, no ámbito local, os voceiros da cada unha das federacións integrantes. O importante é falar con todos e escoitar a todos, para que tamén nos escoiten a nós.
- Coa nosa presenza en público tamén dixemos outra cousa: pódese traballar xuntos, colaborar e crear espazos de diálogo, somos oito federacións de anpas diferentes e fomos quen de nos xuntar polo ben común e compartir as nosas experiencias e as nosas forzas. Pensamos que ese é o noso gran logro.
- Elaboramos unha ampla campaña de reivindicación do sistema de préstamo universal de libros de texto, na que conseguimos centos de acordos nas asembleas das anpas, nos consellos escolares dos centros e nos consellos escolares municipais. Tivemos tamén o apoio dos partidos políticos, agás do PP, e das forzas sindicais maioritarias no ensino público galego; e tivemos un apoio extra: a defensora do pobo opina igual que nós porque, malia o que diga o señor conselleiro, a defensora defende o sistema de préstamo universal, e non os bancos de libros, dos que di que son “…un obxectivo loable, pero que non debe substituír á responsabilidade pública na materia”, e esa responsabilidade chámase “gratuidade”, ese debe ser o noso obxectivo.
Esta campaña ocupounos case todo o curso e, aínda que temos que nos gabar da conciencia social conseguida e de que reverdecemos a conciencia colectiva dunha reivindicación xusta, non a damos por rematada até que logremos o que pedimos con claridade: libros gratis e reutilizados para todo o alumnado; teña a renda que teña porque, non cansamos de repetilo, a igualdade contributiva está na progresividade dos impostos, non nos pagamentos duplicados de servizos.
Pero fixemos algo máis:
- Defendemos que os consellos escolares teñen que ter capacidade decisoria, non só consultiva.
- Rexeitamos a nova normativa de elección de directores a dedo por parte da administración educativa, queremos participar nesa elección e ter un voto con incidencia real.
- Interesámonos pola situación provocada pola lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local: certamente queremos que a Xunta asuma todos os servizos educativos que hoxe en día prestan os concellos, e mesmo que o faga ampliándoos a toda Galiza, pero queremos que iso ocorra dentro dun plan organizado, cun calendario e cunha dotación económica, non por execución de lei e sen planificación.
- Discutimos sobre educación dixital, logo de que a consellaría de educación convocara un experimento que aínda non sabemos a onde vai chegar: estamos a favor da utilización de medios dixitais na educación pero queremos que sexan para todos e en todas partes, fornecendo previamente ao profesorado da formación necesaria, cun programa de implantación veraz e responsable e, outra vez, coa dotación económica precisa; non imos calar mentres se pretenda educar aos nosos fillos dun xeito desigual e discriminatorio.
- Explicamos con claridade porqué o sistema de axuda para a compra de libros de texto non serve para nada, e ten como única consecuencia a dilapidación de diñeiro público, ese que é de todos e que debería ser para todos.
- Rexeitamos a apertura de comedores escolares no verán, démoslle a razón ao colexio oficial de Traballo Social de Galicia cando di que o problema ten que se encamiñar aos profesionais, e denunciamos a precariedade á que está chegando a sociedade por causa das políticas económicas e sociais que actualmente desenvolven os nosos gobernos autonómico e estatal.
E, sobre todo, por riba de calquera outra consideración ou problema, dedicamos estes nosos primeiros dez meses de vida, do mesmo xeito que viñamos facendo xa dende antes, nas colaboracións previas á formalización da confederación, a dicir alto e claro que NON QUEREMOS A LOMCE, que esta lei non é nosa, que a sociedade non a quere, os docentes non a queren, as familias non a queremos, que é unha lei rexeitada por todos, e que se nos está a impor dun xeito antidemocrático e totalitario. Unha reforma da lei educativa non pode ser a criterio dun partido político, ten que partir dun grandísimo traballo previo, do consenso das forzas políticas e, sobre todas as cousas, ten que responder á demanda social, ten que ser querida e procurada; e esa demanda social non existe; este cambio que estamos a vivir non ten futuro e o único que vai traer é tempo perdido para nós e, iso é o máis lamentable, para os nosos fillos e fillas.
Todo isto fixémolo e traballámolo; pero non imos parar aí; este curso comezamos con ilusións novas, e traemos moi vivas as ilusións antigas: continuaremos falando de libros de texto e material escolar ata que sexan gratis para todos e todas; continuaremos reivindicando a nosa presenza en todos os eidos do sistema educativo porque temos que estar onde estean os nosos fillos e temos que estar con forza e con dereitos. Continuaremos esixindo que o ensino público se modernice sen deixar a ninguén atrás, porque todos somos cada un das nosas nenas e nenos; poñeremos voz ás familias para que se nos escoite, porque a educación dos novos non está completa se nós non estamos alí.
Traballaremos en necesidades especiais, na reclamación da súa atención e no aproveitamento da súa diversidade que é unha realidade que completa e perfecciona a vida dos nosos fillos e fillas; volveremos a esixir que paren os recortes en educación pública, e que se debe repoñer o inxustamente recortado nestes anos…
E, por riba de todo, dúas cousas:
- Continuaremos rexeitando a LOMCE e a súa aplicación, e
- Traballaremos para que as nosas fillas e fillos, e todos os que van con eles no seu tempo, teñan un futuro proveitoso e feliz, que é o que nos compre facer a nais e pais.
Boa noite:
É ben sabido que .outros beben das nosas fontes ….
É moi enriquecedor coñecer a boa acollida dos posts que van saíndo entre parte do profesorado que accede aos mesmos a través das redes sociais.
Compartide e viralizade!