Quen falará na nosa lingua cando marchemos?
O Instituto Galego de Estatística ven de nos dar unha arrepiante noticia: só un de cada catro menores de 15 anos fala galego, e a nosa lingua vai esmorecendo arrodeada de porcentaxes que certifican a súa morte a medio prazo.
De certo que a partires deses datos han aparecer serios estudos que expliquen os porqués desta tendencia, e non é a miña intención tentar suplilos dende a subxectividade, pero non penso tampouco que esta noticia deba ficar no silencio de quen a escoitamos, senón que como galego falante – ou debera dicir como galego amante? – síntome na obriga de expresar a miña indignación, a miña rabia, a miña incomprensión a isto que nos está a ocorrer, a isto que estamos a facerlle aos nosos fillos e fillas, ás nosas netas e netos, a todos os que van estar cando nós xa non esteamos.
Eses nenos e nenas de entre catro e quince anos que xa case non falan en galego son os que están agora nas escolas e nos institutos, son os suxeitos do traballo que facemos as nais e pais que pelexamos por un ensino público de gran calidade, por un ensino que lles aprenda a vivir unha vida mellor sentida e mellor feita por eles mesmos.
E como é posible que ese ensino vital que lles andamos a transmitir dende a casa e dende a escola lles faga fuxir da lingua que debería aseguralos e outorgarlles firmeza e orgullo? Queestamos a facer para que os máis novos rexeiten a transcendencia de coñecer e amar o propio, sexa o país, os costumes, ou a lingua? Máis aínda, cómo sobrevivirán se non teñen un lugar espiritual ao que retornar, un lugar que lles faga entendérense e apreciarse?
Porén, é certo que arrepía unha noticia que por demais xa era coñecida; moitos de nós estamos a educar aos nosos fillos e fillas nunha lingua que logo eles non continúan, e asistimos vencidos ao retorno diario deses nenos e nenas, que marcharon falando galego ao colexio e que volven á casa falando noutra lingua. Se temos sorte, e temos creado un lugar de afecto profundo, eses nosos fillos e fillas manterán a lingua como un agasallo no seu trato con nós, na intimidade da familia, en concesión a unhas nais e pais que conservan tradicións e falas pouco actuais, pouco prácticas, pouco triunfantes; se non temos esa sorte, sen sermos por iso máis culpables, escoitaremos esa outra lingua impregnando os recunchos das nosas propias casas, e introducíndose innecesariamente nas nosas propias vidas.
Como dixen, de certo que haberá xente que explique os porqués, e mesmo que dea solucións e camiños ben ideados; non dubido de que existen e de que hai quen coñece como usalos; como tampouco dubido de que agora mesmo existe xente, xa agora con poder abondo, que non tería nin a menor vacilación para lle dar o golpe de morte á expresión dun xeito de entender a vida, as nosas vidas; porque o galego non está morrendo, ao galego estano matando; mais iso tamén é obxecto doutros traballos.
Eu quixera deixar unha idea que sempre me arrodeou dende que son pai: a obriga absoluta que temos de lles legar a nosa lingua aos nosos fillos como un magnífico patrimonio; non como unha ensinanza máis, nin como un exemplo ou unha lenda; non como quen deixa algo de valor que conseguiu e mantivo con esforzo; moito máis ca iso: debemos deixarlles a lingua na seguridade de que ese é o elo que nos xunta con todo o que fomos e o que seremos como historia viva, temos que saber transmitir que a lingua é o pé firme que nos trouxo ata aquí, que non é mellor nin peor que outros pero que é o noso pé e é insubstituíble, e que ten que ser o mesmo que nos sosteña no vindeiro para non perdermos a nosa firmeza.
Ocórreseme que ese legado que reclamo non se entrega ao fin da vida, non se deixa nas partillas ni se lle conta á autoridade; ese legado entrégase día a día, minuto a minuto, con coidado certamente, e con moito esforzo, atención e esixencia; e ocórrese tamén que esta ven sendo unha das razóns polas que o galego se perde, porque é difícil vivir en galego, é incómodo pelexar para vivir en galego, hai que estar disposto á dificultade permanente, ao traballo suplementario, á repetición constante das verbas que nos quere roubar esa mal entendida modernidade que non é tal.
O galego non está presente na vida triunfante dos nosos fillos e fillas, no que admiran e imitan, no que copian e respiran; pero se nós non mantemos unha posición activa a prol do seu dereito a recibir a lingua cada día terana menos presente, terán menos realidade en galego, percibirano como algo que non se axeita ao seu mundo, vivirán a lingua como algo superado, innecesario e inútil.
Por iso as nais, os pais, os docentes, todos os que tratamos coa infancia e coa xuventude, temos que defender o coñecemento e a herdanza da nosa expresión, do noso idioma, e temos que pelexar para que se poida vivir en galego; a súa supervivencia está na nosa loita diaria, en cada anaco de conversa que logremos que se escoite en galego, con cada unha das noticias, das preguntas, dos afagos e os agarimos que fagamos, na naturalidade da nosa fala no cotián, no orgullo profundo e poderoso con que solicitemos e presentemos a nosa presenza en galego nunha tenda, nunha aula, nunha rúa; cando falemos e cando escoitemos, cando pidamos e cando entreguemos.
E logo, por suposto, estará todo o que cada quen de nós por si propio non é quen de conseguir, e para o que fará falta dispor dunha acción conxunta e ordenada por aqueles a quen comandemos para ese fin, pero iso non reduce a nosa responsabilidade, a nosa obriga de parar este roubo do futuro.
Fernando Lacaci (presidente de Anpas Compostela e vicepresidente da Confederación de Anpas Galegas)
4 respostas
[…] rural hai cada vez menos xente. De todos os xeitos quen así arrincaba este escrito, preocupado de quen falará na nosa lingua cando marchemos? recomendaba un artigo do Xavier Docampo que comeza […]
[…] tamén que se traballe, entre todos, nunha permanente campaña de dignificación da nosa lingua, para que os nosos xoves non a abandonen engaiolados polo brillo doutras que se lles están a vender …. Non é preciso rexeitar o propio para adquirir calquera coñecemento que poida ser útil ao longo […]
[…] Onte, 26 de decembro, o xornal La Voz de Galicia publicou un artigo sobre a importancia da política lingüística, no que fai un repaso sobre as conclusións que se tiran do estudo recentemente publicado polo Instituto Galego de Estatística ao respecto do uso de galego na vida cotián e nomeadamente entre a xuventude. […]
[…] tamén que se traballe, entre todos, nunha permanente campaña de dignificación da nosa lingua, para que os nosos xoves non a abandonen engaiolados polo brillo doutras que se lles están a vender …. Non é preciso rexeitar o propio para adquirir calquera coñecemento que poida ser útil ao longo […]