Sobre a reunión do 5 de decembro
A Confederación ANPAS GALEGAS mantivo o 5 de decembro, unha xuntanza que pode encadrarse dentro da normalidade cotián, foi a xuntanza bimensual que cumpría manter e que tiña por obxectivo a posta en común da evolución das nosas actividades, e actualización das problemáticas de cada unha das zonas implicadas, e a lamentable confirmación das dificultades crecentes polas que atravesa o Ensino Público Galego.
Como somos unha organización ampla e complexa tivemos que destinar un tempo aos aspectos organizativos, aínda que procuramos que roubasen o mínimo tempo posible ao debate educativo.
Pero se algo caracterizou a nosa xuntanza desta volta foi a fondura da implicación das diferentes federacións no deseño da campaña de accesibilidade: logo da xornada de formación que celebramos o pasado 24 de novembro, da que aínda non tiveramos tempo a tirar conclusións, realmente houbo un debate no seo das nosas asociadas que hoxe apareceu a xeito de diferentes criterios no deseño da evolución da nosa campaña.
Inicialmente, a campaña de accesibilidade imaxinouse como un traballo de concienciación das comunidades educativas na visualización das necesidades de apoio, utilizando as carencias máis obvias como un utensilio nas mans do alumnado, fundamentalmente, para que a través delas puidesen acceder ao vastísimo mundo da diversidade.
Dun xeito indirecto, a través da implicación das ANPAs, pretendíase tamén que ese mesmo acceso ao coñecemento das necesidades educativas especiais fose tamén un efecto positivo nas familias e no resto da comunidade educativa.
Hoxe, porén, varias voces indicaron a conveniencia de non limitar o traballo, de non atender só ás necesidades evidentes, ás carencias físicas, sinalando que deberiamos considerar a magnitude completa da accesibilidade: é inaccesible aquilo ao que todos chegan e ti non podes chegar, independentemente de que non chegues porque precises outras mans, outras pernas, outros ollos ou outro xeito de entender o mundo.
Realmente estamos de acordo: o reto do noso tempo é convivir. E convivir é participar uns e outros do mundo que é de todos e todas, absolutamente de todos e todas; e para convivir precisamos sumar todas as nosas diferenzas, sen eliminar ningunha, e construír un lugar onde todos caibamos, e onde a todos nos guste estar.
Non chegamos a unha diagnose nin a un resultado concreto, decidimos pensar, debater entre nós mesmas, concedernos tempo para facer ben o que decidamos facer, e pensar con calma e respecto sobre a accesibilidade, sobre cómo imos abandonando persoas no camiño educativo, sobre inclusión e sobre diversidade.
Por iso hoxe non hai conclusións, porque sentimos todas e todos a imperiosidade de ir a modiño, tod@s coñecemos da necesidade de traballar pola inclusión, pero canto sabemos dela? Cantas son as maneiras de rexeitar por ignorancia ou por perversidade? Canto precisamos tod@s dun lugar común onde caibamos tod@s e aprendamos tod@s?
Quizais semelle que hoxe non avanzamos, máis si que o fixemos. É posible que esta sexa a maneira de mellorar a vida das nosas fillas e fillos, que esta visión que hoxe tivemos do ancho e fondo que é o abismo das nosas diferenzas sexa un grande paso no tratamento das nosas igualdades.
Non teremos unha educación que serva para facernos mellores persoas, a nós e ás nosas fillas e fillos, se permitimos que alguén quede fóra desa oportunidade; non construiremos unha sociedade na que poidamos vivir felices se non estamos todas e todos formando parte dela.
Por iso decidimos darnos un tempo para pensar e deseñar e volveremos a nos xuntar en xaneiro; a nosa campaña quizais sexa algo máis lenta pero será, sen dúbida, máis completa.
E a ver todo isto tamén nos axudaron as compañeiras e compañeiros do Salnés, boa xente que estivo hoxe con nós aportando a súa realidade, e os seus coñecementos, e mellorándonos coa súa presenza.