Respondendo a J. M. Pinal, director xeral de centros da consellería de Educación
O xornal “La Voz de Galicia” publicou o pasado domingo unha entrevista ao director xeral de Centros da consellería de Educación, José Manuel Pinal, no que pon na súa boca unhas afirmacións que quixeramos respostar.
1.- En Galicia existen dúas confederacións de ANPAs de centros públicos, con diferente ámbito xeográfico e moi identificadas en cadansúa zona, cando o sr. Pinal fala de que “unha das confederacións di en privado o contrario do que manifesta publicamente” está abrindo sobre as dúas a dúbida sobre ese comportamento.
Na Confederación ANPAS GALEGAS, e sen poñer en dúbida a actuación da outra confederación que responderá pos si propia, todo o que dicimos está publicado para que o lea calquera que o desexe, e as nosas intervencións públicas responden sempre á mesma liña de traballo, que tamén temos publicada.
En concreto, sobre o tema obxecto da entrevista, os libros de texto, sempre dixemos o mesmo: “todo o ensino público e os seus servizos complementarios deben ser sufragados integramente con fondos públicos; e isto atinxe non só aos servizos docentes, senón aos materiais docentes necesarios, nomeadamente aos libros de texto”. Consecuentemente sempre defendemos, en público e tamén en privado, a volta ao sistema de Préstamo universal e gratuíto organizado e xestionado integramente por fondos e persoal da Administración Pública.
Agradeceriamos ao sr. Pinal que cando faga referencias á unha confederación o faga con todo detalle, diferenciando a quen se refire, porque o traballo serio, responsable e gratuíto que realizamos merece cando menos a mesma seriedade no respecto que nos adebedan os nosos representantes públicos.
2.- “Unha cousa é unha confederación e outra unha ANPA concreta, onde ven a realidade”. Fronte ao que poida opinar o sr. Pinal, a nosa Confederación está absolutamente pegada á realidade concreta, non somos máis que unha suma de Federacións que son á súa vez unha suma de ANPAs, non temos outra entidade nin queremos tela porque sabemos que esa é a maneira de que a voz das familias chegue máis alto e máis claramente.
É sorprendente que o responsable dun modelo de xestión dos libros de texto que actualmente está cuestionado por absolutamente toda a comunidade educativa, por todos os partidos políticos da oposición, polos sindicatos e polos movementos sociais, e que está xa dando un erro tras outro mesmo antes de se aplicar, un sistema que o propio conselleiro tivo que rectificar aos poucos días de publicarse para abrilo a todas as familias con rendas baixas porque non prevía esa cobertura, se atreva a falar de “ver a realidade”.
Quen non ve a realidade é o sr. Pinal, como desgrazadamente se está a demostrar na incerteza que este procedemento está a provocar entre as familias, no erróneo dos datos manexados pola administración educativa, na sobrecarga imposible de traballo que está a recaer entre os equipos directivos dos centros públicos, e no rexeitamento da sociedade toda.
Faremos comunidade educativa a partir do momento no que o respecto sexa o principio sobre o que se asente a relación entre as familias, o profesorado e a administración, e os nosos fillos e fillas precisan desa comunidade; quizais quen non é quen de manter ese respecto dun xeito permanente non debería formar parte desa comunidade.