Asemblea xeral da confederación ANPAS GALEGAS do 27 de novembro de 2015
Tivemos en Compostela a, previsiblemente, última xuntanza ordinaria deste ano 2015, nesta ocasión adiantámola unha semana para evitar a coincidencia con outras datas comprometidas.
Comezamos a xuntanza agradecendo a presenza de tres novas incorporacións, Lola, Isabel e Lorena, que viñeron representando ás federacións da Costa da Morte, Lugo e Ferrolterra. Está ben incorporar novas caras, no mundo das ANPAs un dos grandes problemas é a renovación, pola dificultade que hai nestes tempos en atopar xente comprometida que teña tempo dispoñible para traballar; pero vese que si que a hai. Benvidas!
Tivemos a nosa parte burocrática, aprobamos actas, falamos da tesourería, comentamos como ían os nosos arquivos dixitalizados, e este tipo de cousas que hai que facer pero que nunca deben ser o centro dunha xuntanza, e logo puxémonos á organización de eventos ben importantes:
- O próximo 12 do 12, ás 12:00 estaremos en Malpica, reclamando atención educativa na enfermidade; estará a confederación e tentaremos que estean tamén todas as persoas que queiran sumarse a esta demanda.
- O vindeiro mes de maio organizaremos en Fisterra unha fin de semana de traballo, moi probablemente os días 21 e 22, de momento témoslle pensado un enfoque duplo: inclusión e cidades educadoras, o que non deixa de ser unha certa redundancia; e sobre todo falaremos entre todas as ANPAs que se acheguen, porque iso implica escoitar e iso leva a aprender. Iremos dando máis información segundo vaiamos perfilando os detalles.
- Continuamos traballando sobre comedores escolares, queremos elaborar unha postura para todas as ANPAs da nosa confederación, buscando un modelo que pivote sobre tres eixos fundamentais:
- Competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
- Xestión directa por parte do titular da competencia.
- Modelo único para todo o territorio galego.
- Alimentación de calidade.
- Valor educativo do servizo.
- E, por suposto, informamos das últimas novas sobre a atención educativa na enfermidade, das nosas visitas ao parlamento, as nosas xuntanzas coas profesoras de pedagoxía hospitalaria da USC, a posta en común das experiencias coñecidas, as inminentes xuntanzas cos sindicatos, e a necesidade de elaborar un documento que recolla toda esta experiencia xunto coas conclusións e propostas de actuación ás que cheguemos.
- Comentamos dende logo a noticia de hoxe mesmo, cando o Director Xeral de educación informa da activación inmediata dun protocolo de atención educativa domiciliaria, “atendendo á demanda planteada neste sentido pola Confederación de ANPAS GALEGAS” segundo cita o xornal. Alegrámonos de ter logrado que algo se mova na consellería, onde semella que descubriron o ermo no que se atopaban, pero non é este o protocolo que nós queremos, e non vai ser este o que nós defendamos, nin deixaremos por este anuncio de pelexar polo que a sociedade galega precisa.
E despois de algo máis de tres horas de debate e participación, de posta en común e de aprendizaxe, marchamos para casa coa maleta ateigada de deberes, eses que rexeitamos para as nosas nenas e nenos, e coa clara conciencia de que somos moi necesarios, porque se nós, as familias galegas, non defendemos o ensino público, o futuro das nosas fillas e fillos, non haberá moita máis xente que o faga.
1 resposta
[…] http://www.anpasgalegas.gal/2015/11/asemblea-xeral-da-confederacion-anpas-galegas-do-27-de-novembro-… […]