Presentamos unha queixa na oficina da Valedora do Pobo. Demandamos o acceso á Educación Domiciliaria e Hospitalaria
Hoxe, 18 de novembro, estivemos na oficina da Valedora do Pobo, xunto con Nieves Villar, a quen non cansamos de agradecer a súa disposición a poñerlle nome e imaxe ás nosas reivindicacións, para presentar unha queixa.
A nosa intención é que a Oficina da Valedora inicie un traballo, dende a súa privilexiada posición, para recoller información, investigar cal é a realidade, e tirar as conclusións que mereza a actual situación da educación hospitalaria e domiciliaria.
Nós temos parcialmente feito este traballo, falamos con moita xente, e continuamos facéndoo, pero é certo que as portas da Xunta de Galicia están pechadas para obter datos e para coñecer cómo se está a traballar neste momento. Cando a Administración debera ser un lugar transparente, onde as demandas de colectivos sociais como o noso se entenderan como unha oferta de colaboración, e como unha relación fluída sobre a base da procura do mesmo obxectivo común, que é o mellor ensino público para os mozos e mozas galegos, o que sempre atopamos é o medo dos gobernos a deixar ver ata que punto son inoperantes ou incapaces de resolver os problemas cotiáns da nosa xuventude.
Na visita de hoxe estivemos un bo anaco falando coa coordinadora da área educativa da Valedora do Pobo, nunha charla cordial non previamente programada, e sen pretensión de ser unha entrevista en profundidade, falamos da situación da atención na enfermidade, pensamos que concordamos na diagnose básica: o dereito á educación ten que dirixir, coas limitacións impostas polo dereito á saúde, a acción da comunidade educativa nesas circunstancias; máis aínda cando que os suxeitos están en situacións especialmente vulnerables.
Sempre damos como moi importante a escoita das experiencias directamente vividas, nesta ocasión levámola con nós, as achegas de Nieves durante toda a conversa devolveron a teoría, na que inevitablemente nos movemos ás veces, ao terreo da realidade, puxéronlle nome ao problema e permitiunos visualizar o que realmente está a pasar ao alumnado galego que está pasando por unha longa enfermidade.
O 8 de xaneiro, xa no novo ano, volveremos á mesma oficina e falaremos coa Valedora persoalmente. E daremos outro paso máis na defensa do dereito á educación, ese que debera iluminar toda a sociedade, pero polo que lamentablemente temos que loitar de seguido.
1 resposta
[…] Presentamos unha queixa na oficina da Valedora do Pobo. http://www.anpasgalegas.gal/2015/12/estivemos-na-oficina-da-valedora-do-pobo-demandando-o-acceso-a-e… […]