ANPAS GALEGAS na semana da Educación da USC
Continuando co noso traballo na procura dunha nova, e completa, normativa sobre atención educativa hospitalaria e domiciliaria para os casos de longa enfermidade, intervimos na Semana da Educación da USC.
Falamos da actual situación da atención hospitalaria e domiciliaria (tramo horario desde 01:00:00 a 01:26.50 e de 01:54:24 a 02:12:00) e dixemos que precisamos unha normativa completa e complexa que clarifique o modelo de atención educativa e que deixe sentadas as bases dunha atención eficaz. Incidimos nos dereitos, necesidade de profesionais e materiais que permita a continuidade do ensino por riba das circunstancias médicas puntuais que poidan afectar ao alumnado.
O noso discurso foi moi integrador e constructivo. Argumentamos eses dereitos e concretamos o conxunto de accións necesarios que se deberían aplicar se un neno ou nena cae enfermo durante un período prolongado. Cantas horas de clase no hospital onde estea ingresado? quen vai impartir esas clases? Como se vai coordinar co seu centro de referencia? Como vai manter a ligazón con ese centro e cos seus compañeiros-as? Quen o vai atender cando pase do centro hospitalario á súa casa? Durante canto tempo e en que materias?
O alumnado non necesita declaracións de intencións senón que se apliquen os dereitos educativos.