Falamos coa Valedora do Pobo o 8 de xaneiro
Continuando co noso traballo na procura dunha nova, e completa, normativa sobre atención educativa hospitalaria e domiciliaria para os casos de longa enfermidade, hoxe, 8 de xaneiro de 2016, estivemos coa Valedora do Pobo, Milagros Otero, e coa coordinadora da área de educación da institución, Beatriz González.
A reunión pedímola nós non hai moito tempo, agradecemos a rápida atención, ao mesmo tempo que entregabamos unha queixa na oficina, como un xeito de iniciar a súa actuación sobre a realidade da desatención na que están os nenos e nenas enfermos de longa duración no que se refire ás súas necesidades educativas.
Xunto coa directiva da Confederación ANPAS GALEGAS estivo Nieves Villar, prestándonos como sempre a súa presenza e a súa experiencia, fundamental para poñer os pés no chan, que é algo que é moi preciso facer cando se teoriza, evitando así o risco de pensar que estamos traballando para aqueles aos que non escoitamos, o que é norma común na acción da Consellería de Educación.
Durante algo máis dunha hora de conversa, que transcorreu a toda velocidade como pasa sempre que a reunión é amable e que se inicia dentro do mutuo aprecio e respecto, debullamos diante da Valedora unha descrición da situación actual xunto coa desagregación das nosas propostas e do traballo que xa levamos feito.
Nós describimos a situación presente como de desorganización, e de abandono por parte da administración educativa da obriga de dar cobertura aos dereitos dos escolares enfermos, Nieves contou detidamente a súa experiencia, que podería ser a de calquera outra nai dun neno-a enfermo-a, de permanentes demandas e de constantes negacións dos dereitos do seu fillo por parte das autoridades educativas, así como de todas as conquistas conseguidas a través da propia exposición pública nos medios de comunicación, nunca doutra maneira. Tamén, e así queremos dicilo, contou que a calidade persoal dos profesionais docentes que atenderon a Hadrián constitúen un elemento positivo nesta experiencia que non pode deixar de valorar.
En canto ás nosas propostas, explicámoslle á valedora a necesidade de que a atención educativa hospitalaria e domiciliaria se constitúa como un dereito específico, que non sexa precisa a iniciativa das familias para que comece a funcionar, que ten que haber unha atribución de horas mínimas, que logo se modularán en función das posibilidades físicas da enfermidade pero que deben estar fixadas previamente coa intención de que os escolares enfermos non vexan detida a súa vida educativa coa enfermidade, que debe existir unha conexión entre as diferentes fases do proceso para que os diferentes profesionais que se ven afectados, titores de procedencia-mestres da escola hospitalaria-mestres de atención domiciliaria e titores de destino, poidan traballar todos dun xeito conxunto e coordinado.
Tamén fixemos fincapé na necesidade de considerar a longa enfermidade nun senso moi amplo, incluíndo todos os casos e doenzas que impidan que un neno ou neno asistan a clases dun xeito normalizado, sexa por unha longa enfermidade de prognóstico difícil, ou sexa por unha doenza crónica, unha lesión ou calquera outra circunstancia que altere a vida ordinaria desa persoa.
Igualmente remarcamos a importancia de asumir que aínda que sempre falamos de nenos e nenas, este non é un problema que afecte só á infancia, senón que pode darse en calquera idade e en calquera nivel do Ensino obrigatorio, e de feito é nos niveis superiores onde é máis necesario traballar con especial atención, non só pola dificultade da carga académica que soportan, senón porque son idades nas que a necesidade de non se separar da propia xeración cobra un valor moito máis alto e transcendente para a vida futura.
E, sobre todo, trasladamos á Valedora o que ven sendo a nosa reclamación principal: xuntémonos, falemos e construamos entre todos unha nova normativa que responda ás necesidades reais. Debería ser norma común en educación que calquera cambio normativa se realizara sobre a base do diálogo amplo entre os catro actores fundamentais da comunidade educativa, alumnado, familias, profesorado e administración; pero neste caso aínda ese grupo é insuficiente, é preciso contar co persoal sanitario, cos expertos universitarios, coas persoas que teñen a experiencia persoal de ter sido mestres ou mesmo doentes afectados; todos nós deberiamos sentarnos ao redor dunha mesa e comezar a falar para que desas reunións saía unha normativa que ao aplicala dea cobertura á esta permanente necesidade.
A resposta da Valedora, a quen temos que agradecer o moito que nos escoitou, e o interese demostrado nas súas intervencións e coas súas preguntas, foi exactamente a que agardabamos: “comezaremos a traballar inmediatamente, porque o tema é importante e necesario”.
Esa foi sempre a nosa intención, e a nosa demanda: claramente temos un problema, e o que queremos é traballar para que teña unha solución que toda a sociedade considere correcta.
Todo o contrario do que ven facendo a Consellería de Educación, quen nega o problema e condena á desatención educativa a todos os nenos e nenas galegos enfermos.
Tamén comentamos coa Valedora, e reivindicamos aquí, que continuamos esixindo que o Conselleiro de Educación reciba a Nieves Villar, e a nós con ela, porque ela está agora personificando a todas as familias con fillos e fillas enfermos, e o conselleiro ten a obriga de falar, e sobre todo escoitar, a todos aqueles aos que pretende representar.
1 resposta
[…] e destacamos especialmente, porque é o percorrido que fixemos dende a última asemblea ordinaria, reunión que mantivemos coa Valedora do Pobo, a cadea humana de Malpica e a de Compostela, e a presenza na Semana da Educación. Valoramos o […]