ANPAS GALEGAS na Fin do Mundo
Dicíanos unha das nosas convidadas, a Concelleira de Educación de Pontevedra, Carme Fouces : “Que nome máis bonito lle puxestes ás xornadas”, e falabamos un anaco do que era a nomenclatura que arrodea Fisterra, ese lugar que semella ser a fin de todo, da terra e do camiño, o lugar do solpor, e o espazo onde o mar se volve infindo; semella que non hai máis nada logo de Fisterra, máis tamén é certo que hai que ir até alí para comprobalo e continuar, non é posíbel non ter estado en Fisterra, porque non é posíbel comezar algo novo sen ter antes rematado o vello.
Este sábado a Confederación ANPAS GALEGAS estivo en Fisterra, rematando un curso ao que xa lle quedan poucas semanas, que é o imprescindíbel para poder comezar o curso de setembro; nós realmente temos entre mans un curso permanente, porque a educación, como ben se dixo múltiples veces en Fisterra, non é o Ensino, non vai por cursos, vai por vidas, e ten moitas facianas, e moitas loitas.
O sábado en Fisterra estiveron as concelleiras de educación de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Carballo e Fisterra, e tamén estivo o concelleiro de educación de Ferrol, se xulgamos pola poboación dos seus respectivos concellos, estivemos alí representados pouco menos dun terzo dos cidadáns galegos, e se pensamos nas Federacións de Anpas representadas aínda representamos a máis xente; e foron aló a falar de educación, que non semella un tema nin de elite, nin minoritario, senón de absoluta repercusión social e de imprescindible debate e aprendizaxe.
As familias galegas que formamos as ANPAs estivemos alí, escoitando, participando, aprendendo e dando que aprender, utilizando toda información que alí ser verteu. Quedou claro que os concelleiros galegos de educación saben que a eles lles acae traballar en algo que sobarda con moito o Ensino Público. No interior dos colexios teñen poucas competencias, case ningunha, e as que hai son simplemente instrumentais: mantemento de centros e contratación subalterna e de limpeza.
Pero cos suxeitos que poboan o interior dos colexios, cos nenos e nenas, coa mocidade, con iso si queren traballar e ademais son conscientes de que teñen que facelo: a multiplicidade de programas educativos complementarios e transversais que presentaron os Concellos galegos que estiveron alí presentes é moi notábel, así como a acción permanente en ámbitos do máis diverso, dende a atención musical á deportiva, dende os programas de igualdade aos obradoiros de convivencia, dende a educación na mobilidade urbana á alfabetización de maiores, porque a educación tampouco é cousa só de xente nova.
Chamounos moito a atención que, dentro das lóxicas diferenzas políticas e ideolóxicas, existe unha visión unánime en canto á atención que a Xunta de Galiza presta ao Ensino Público: a mínima posíbel. E se falamos de Educación en xeral, entón a disposición da nosa Administración Autonómica é aínda máis pequena porque é inexistente.
Todo o que non sexa Ensino regulado non existe para a Xunta, todos eses centos de programas que hai nos Concellos, porque a Xunta non atende nin de moi lonxe ás necesidades e demandas reais da sociedade, son excesos orzamentarios e competenciais que deben afrontar pola pasividade da Administración que debería desenvolvelos; e aquí falamos tanto dos servizos de comedores, ou atención para a conciliación cos programas de actividades extraescolares polas tardes, como das escolas infantís, ou das múltiples escolas de música, teatro ou deportes que estas Administracións máis pequenas están realizando con dificultades.
Claro que alí non estaban todos os Concellos, pero estaban cinco das dez maiores cidades galegas, o que non debera ser unha opinión que non se tivera en conta; e sen desmerecer ao Concello anfitrión, que representou perfectamente a todos eses Concellos pequenos que non teñen voz de a cotío.
Pola tarde do sábado tivemos tamén ocasión de formarnos algo máis en educación emocional, tema moi interesante e do que as familias temos sempre moito que aprender; e no medio, no xantar e na cea, antes, despois e durante as intervencións, falamos, falamos e escoitamos, preguntamos e falamos, interrogámonos uns aos outros, e seguimos a falar, porque ao falar apréndese, e xuntámonos para iso, para aprender e ser mellores pais e nais, que é o mesmo que sermos mellores persoas.
E o domingo pola mañá percorremos Fisterra, moi ben guiados pola xente de alí, e aprendemos que a Fin do Camiño non é máis que o principio dun Camiño Novo.
E niso andamos xa.