COMEZA O CURSO 2016-2017
Xa comezamos este novo curso no que tamén hai eleccións, e como hai eleccións todos os nosos representantes descubriron novamente que existe a educación; é o momento no que se promete e se compromete todo tipo de solucións aos mesmos problemas que non resolveron na lexislatura que remata, e que xa estaban na anterior. As eleccións, para os opinadores políticos sobre educación, son sempre como unha repetición de curso, pero sen sensación nin de fracaso nin de responsabilidade, simplemente seica existe o dereito a comezar de novo… pero só para eles.
Para nós, que comezamos un novo curso con ánimo e forza, este é un principio revestido de normalidade, da normalidade á que nos teñen acostumados: non hai estabilidade na meirande parte dos equipos de orientación, non hai reposición dos miles de prazas recortadas, non hai unha zonificación correcta das zonas escolares e cada cousa que se fai afonda na chapuza, o tratamento das NEAE é de continuar na súa desatención, os rateos cada vez son máis asfixiantes nas zonas máis poboadas, o mantemento dos centros escolares é propio de hai décadas, a modernización das infraestruturas e das dotacións sacrificouse en aras da austeridade, e os concertos cos centros privados, que non sabemos porque están libres da mesma austeridade, son cada vez máis e máis consolidados.
E ademais é o curso no que remata de se implantar a LOMCE, unha lei que podería estar derrogada, pero para iso faría falta un Parlamento que actuara; e ese final de implantación tráenos de agasallo a reválida de 4º da ESO e ese híbrido descoñecido que vai ser a reválida de 2º de Bacharelato que se mestura dun xeito difícil de comprender co acceso á universidade.
E non hai nada bó?
Pois si, o bo somos nós, non nos referimos a esta confederación, nin a ningunha outra, nin ás ANPAs sequera, o bo somos nós, as nais e pais, que non perdemos nin un pouquiño das nosas gañas de que os nosos fillos e fillas saian adiante, e que imos pelexar, de todas as maneiras posibles, para que esta sociedade lles pague ás nosas crianzas a débeda que con elas ten: unha educación galega, pública, laica, e boa, excelente, a mellor, a máis completa que se poida imaxinar.
Porque para iso son os nosos fillos e fillas, para pelexar por eles.
As familias comezamos o curso, non vai ser sen ruído.