Comunicado do Ceesg en relación á reorganización de centros educativos
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia súmase ás reivindicacións que a confederación ANPAS GALEGAS, Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, e toda a comunidade educativa vimos realizando en relación á reorganización de centros educativos promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Indícase no seu comunicado que o decreto publicado no DOG do pasado 4 de xullo establece a fusión de dous Centros de Educación Infantil de Primaria (CEIP) en Outes, a extinción dun Centro Público Integrado (CPI) en As Pontes de García Rodríguez, e a transformación de catro CPI en CEIP, dous deles en Ribadavia e outros tantos no Porriño.
Estes cambios teñen efectos tanto no profesorado (reubicación) como no alumnado (pola necesaria reubicación, e pola existencia de alumnado con necesidades específicas de atención educativa que poden ver o seu avance truncado debido a estes cambios) e nas súas familias (polos cambios de horarios que poden afectar á conciliación).
Tamén facemos noso o seu posicionamento cando inciden no escurantismo destas accións, tomadas de xeito unilateral sen consulta previa coa comunidade educativa, e coincidindo co remate do curso escolar, non fai máis que reforzar a postura de quen vemos nestas medidas un ataque ao propio Ensino Público.
Todas e todos temos DEREITO a unha EDUCACIÓN DE CALIDADE, e o aumento de número de nenas e nenos por aula provoca precisamente o contrario. O sistema educativo actual non pasa polo seu mellor momento. Os casos de fracaso escolar, e o aumento de problemáticas sociais fan necesario tomar medidas precisamente no sentido contrario, de xeito que a administración educativa debe tomar medidas que vaian máis alá de respectar a ratio mínima establecida legalmente, procurando unha atención educativa que responda ás necesidades do alumnado. Como medida para promover unha mellora educativa, o Ceesg leva moito tempo demandando a creación de postos de educadoras/es sociais dentro do sistema educativo, algo que xa se acadou noutras comunidades autónomas, pero que Galicia segue tendo como materia pendente.
Comunicado completo do Ceesg sobre a reorganización de centros