Benvido 2018
Sabemos todas que as familias, mentres temos á mocidade da casa estudando, non vivimos por anos naturais, vivimos por cursos escolares, e para nós a fin de ano é unha festa que está nun ámbito diferente de onde situamos ao Ensino Público; por iso, ás veces, esquecemos que fin de ano, á parte de ser o momento no que facemos propósitos de boa vontade, tamén é o momento de expresar arelas que poidan cumprirse, non quizais co Aninovo, pero si con Orzamento Novo.
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS queremos facer tamén a nosa listaxe de desexos, como somos profundamente democráticos é igual quen sexa o que a traia, sérvennos Apalpadores, Reis Magos ou inspiracións diversas, o importante é que veñan.
Pois iso, prezadas compañeiras de viaxe, para o ano que entra queremos:
– Que non haxa ninguén de entre a rapazada que quede sen atender por ser diferente, porque entenda cun ritmo distinto do que marca o estándar, porque teña valores que non concorden cos que a sociedade pensa que se deben ter, porque non teña medios, porque non saiba utilizar os que ten, porque o censuren ou porque se autocensure.
– Que haxa xente abonda nos centros escolares públicos: profesorado, xeralista e especializado, persoal de orientación, persoal coidador, PTs, ALs, psicólogos, educadores sociais, persoal sanitario, monitorado de actividades complementarias, para atender a todas as necesidades que neles aparecen, e a todas as persoas que o precisen.
– Que a convivencia pacífica sexa unha materia principal do profesorado, alumnado e familias; unha convivencia que pretenda e consiga que todas as persoas que formamos parte da Comunidade Educativa vivamos aprendendo e participando.
– Que teñamos un Ensino Público GALEGO, coma nós, coma os nosos fillos e fillas, coma este País.
– Que nese Ensino Público falemos na única lingua que temos de noso.
E para rematar, como tentamos ser unha organización xenerosa, imos pedir un par de desexos que non son para nós:
– Para as persoas que dirixen a administración educativa galega pedimos que lles traian unha boa dose de diálogo e sentimento democrático; a ver se para este ano novo pode ser que o que se faga sexa falado previamente entre todas.
– Para os políticos e políticas que andan no Congreso en Madrid, pedímoslles a afouteza necesaria para que se deixen de parvadas e DERROGUEN A LOMCE dunha vez, que o pobo xa llelo ordenou varias veces, e andan papando ventos.
– Para as políticas e políticos que andan no Noso Parlamento: que teñan a forza de promover e defender unha auténtica LEI GALEGA DE EDUCACIÓN, única vía pola que poderemos ter un Ensino de noso, que responda ás necesidades da nosa Terra.
– E para os membros da comunidade educativa que continúan a pensar que o Ensino Público pode xestionarse dende un único sector, pedimos que lles veñan as iluminacións necesarias para que comprendan que os outros sectores non son o inimigo, senón que son parte imprescindible do seu interese nun Ensino Público Galego Mellor.
E para todo o mundo que chegara até aquí lendo: pedimos igualdade, inclusión e afecto na convivencia; porque todas as persoas temos dereito a estarmos aquí, e a ter un futuro digno e agradable.
FELIZ 2018 !!!