De móbiles, uniformes e autonomía
Hai polémicas que xorden cada ano coma se fosen especies vexetais que aparecen nas leiras da sabedoría colectiva, regresan por nadal, ou noutrora se cadra, e volvemos a dar as mesmas respostas as mesmas vellas preguntas, coma se non tiveramos xa debatido unha e outra vez sobre o mesmo ao longo dos anos.
E así, as ANPAs levamos anos falando de móbiles, de se deben entrar nas clases ou non, de se deben permitirse dentro dos recintos escolares pero fóra das aulas, de se teñen unha utilidade pedagóxica e poden condicionar ou variar a fórmula máxica da aprendizaxe, de se poden ser unha ferramenta útil para sumarse as ferramentas xa existentes, etc, etc.
Tamén levamos anos falando de uniformes, coa mesma argumentación e a mesma repetición, sempre sobrevoando o problema non resolto dos vestiarios que traen consigo algunhas simboloxías relixiosas ou culturais; sempre debatendo se a mocidade pode ser uniformada, ou se realmente debe pensar como un ser uniforme.
E sempre, neses debates e noticias hai alguén, que representa á Administración Educativa, que deixa caer que iso depende da decisión dos centros escolares, “no lexítimo exercicio do seu dereito á Autonomía dos centros”.
Somos un país pequeno, en extensión e en poboación, mais non o somos tanto como para que haxa uniformidade de pensamento, aínda somos quen a teimar diferentes solucións para o mesmo problema, e de propor respostas diferentes como consecuencia da aparición de novas preguntas. Pero iso hai que concilialo coa obrigatoriedade dos dereitos individuais e co dereito á non discriminación.
A autonomía dos centros terá que ver coa necesaria adaptación que un centro teña que facer para que a normativa xeral poida ser aplicada á súa realidade interna, é o necesario retoque, flexibilización, encaixe amábel, personalización, que converte unha norma fría nun paraugas utilizable baixo o que vivir.
Pero non pode ser utilizada pola administración educativa para saltarse á brava o moi superior dereito da infancia e a xuventude de seren tratados dun xeito non discriminado; porque se os móbiles son permisíbeis en Ribadeo, tamén o serán en Tui; se os uniformes son unha molestia en Fisterra, hano ser tamén na Gudiña.
Que facer entón?, provocar un debate conxunto e amplo, e logo extraer dese debate unha solución que se aplique a todas as nenas e nenos galegos e as súas familias; e vixiar, dende a autoridade da Administración Educativa Galega, para que se cumpra o que se acorde, mesmo tamén para fixar onde poden estar as limaduras precisas para que no corpiño xeral encaixen todos as realidades sociais que están dentro dos centros educativos.
Ou sexa: TRABALLAR, que é algo que a Consellaría de Educación non ten entre as súas prioridades; e deixar de cargar a docentes e familias con decisións parciais que deberan ser xerais e aplicables a todas e todos.