Vixiar os grupos de Whatsapp das nosas fillas e fillos?
AS ANPAS GALEGAS NON ANIMAMOS ÁS FAMILIAS A VIXIAR OS WHATSAPP DAS SÚAS FILLAS E FILLOS.
Hoxe aparece na prensa un titular xenérico, “as ANPA animan aos pais a vixiar os wasaps dos seus fillos”, baixo o que nós non podemos acubillarnos; sen dúbida é a opinión dalgunhas organizacións de nais e país.
Pero nós non somos esas ANPA, na Confederación ANPAS GALEGAS non estamos de acordo con esa opinión publicada.
Defendemos, por suposto, a responsabilidade que temos as familias de atender ás nosas crianzas para que teñan unha formación responsable no uso de todas as tecnoloxías que estean ao seu alcance; e somos moi conscientes da obriga que temos de poñérllelas ao seu dispor segundo coñezamos e aseguremos as súas capacidades, para que sexan quen de utilizalas dun xeito positivo para a súa formación persoal e académica.
Tamén sabemos que temos que lles facer moi pouco caso a todos aqueles que “aconsellan” sobre idades axeitadas” para o acceso a esta ou aquela tecnoloxía, porque cada quen de nós temos a nosa propia idade de maduración, e todos eses consellos están promocionados polas empresas interesadas en vender a calquera custe social.
Por suposto, non cremos na sinatura de “contratos por escrito” entre membros da familia; é a confianza, o respecto, a comunicación, e sobre todo o afecto, quen deben rexer as fórmulas de actuación dentro da cada casa; as nosas fillas e fillas non son un terceiro con quen contratamos, son as persoas a quen queremos e polas que traballamos de a cotío, e das que nos responsabilizamos do seu benestar presente e futuro.
Pero, por riba de todo, nós cremos que a educación na que colaboramos debe estar baseada no respecto e a confianza traballada; as nosas fillas e fillos non están potencialmente equivocados cando actúan pola súa conta, e non podemos aplicar medidas preventivas imaxinando que o seu comportamento ten que ser corrixido porque presupoñemos que está eivado.
É fundamental que as crianzas acrediten na súa propia responsabilidade para realizar aqueles actos da vida diaria que imos, paulatinamente, poñendo nas súas mans; e porque é decisión nosa esa entrega sistemática de ámbitos de actuación, esa decisión ten que ser asumida tamén coa compoñente de risco e colaboración correspondente, de tal xeito que as crianzas vaian asimilando, co noso acompañamento firme e permanente, as novas situacións ás que se enfrontan.
Vixiar, controlar, interferir, dubidar, cuestionar, a actuación dos fillos e fillas, nas súas comunicacións, as súas conversas, a súa vida cotiá, non pode ser a norma sobre a que se artelle unha convivencia educativa; poderá ser a medida excepcional que se adopte diante de signos externos preocupantes, non menos que o facemos con calquera outra persoa coa que compartimos espazo vital, nun exercicio permanente de preocupación polos outros; pero nunca pode ser o decorrer cotián da vida familiar.
Entón?
Eduquemos en confianza, responsabilicémonos do que decidimos facer accesible para as nosas crianzas, e responsabilicémolas do seu uso correcto, que dependerá de canto de ben teñamos feito o noso traballo como nais e pais que educamos, e abrimos para elas as portas do mundo real no que terán que vivir a súa vida.
Se non respectamos á nosa xente, se non cremos neles e llelo demostramos, como podemos pretender que logo apareza neles o respecto aos outros que lles foi negado?