Trato diferencial na Escola Rural
Lido hai unhas horas: “Castela e León, Galiza e Asturias desexan un trato diferencial para a escola rural”, esta é a noticia que aparece na prensa como resultado dunha xuntanza dos responsables educativos destas Comunidades.
Non é a nosa intención falar das opinións que aquí se emiten sobre Castela-León e Asturias, hai alí familias que de seguro han poder falar con detalle; pero aquí, no noso País, si que podemos sorprendernos enormemente dese “desexo” que a noticia pon en boca do noso conselleiro de Educación.
Agás de que o trato diferencial para a escola rural supoña acabar definitivamente con ela, cousa que xa non descartamos á vista da nosa historia recente, non deixa de ser curioso que a máxima autoridade educativa galega, esa xustamente que é responsable do peche sistemático de centros rurais, que ten aos que aínda se manteñen con dotacións mínimas de profesorado, e con agrupamentos permanentes, quen concibe as escolas como “centros de gasto” que hai que optimizar mediante a aplicación de rateos totalmente arredados da realidade da contorna.
Esa autoridade educativa é quen pide agora un trato diferencial.
Como agarde un pouco máis, o único que poderá pedir será a museificación dos poucos edificios baleiros que aínda non caeran das nosas antigas escolas rurais.
Por suposto que a escola rural precisa un tratamento diferenciado, unha discriminación positiva nos investimentos e nos gastos de funcionamento.
Precisa de profesorado, de todos os especialistas, de dotacións informáticas, de servizos, todos, absolutamente todos os servizos, máis que en ningures.
Precisa tamén dun transporte escolar, ESCOLAR señor conselleiro!
É unha palabra importante porque implica responsabilidade educativa, que atenda a todas as nenas e nenos que teñen que se desprazar todos os días para poder exercitar o seu absoluto dereito á educación, pero cunha atención exquisita, onde se multipliquen os medios para que esas crianzas viaxen o mínimo tempo posíbel, para que non sintan a escola como un lugar arredado a onde teñen que sufrir para chegar.
A escola rural é o cerne, a base, o xermolo, a razón de permanencia do rural todo; se non hai escolas, se esas escolas non ofertan futuro e proximidade, non haberá rural. Ningún rural, nin o grande nin o pequeno, e perderemos o noso País pero, sobre todo, antes de nada, perderemos á súa xente.
Non nos tome o pelo, señor conselleiro, con declaracións de galería. Os responsables do deterioro da escola rural son as políticas económicas de absoluta mesquindade que o goberno do que forma parte leva aplicando na Escola Pública Galega dende hai moitos anos; deteriorárono todo e, agora, pretenden vestirse cos galanos da recuperación, non é crible, e case diriamos que non é decente.
Queren diferenciar a escola rural positivamente?
Invistan cartos, ilusión e medios e xa verán como a escola repola de súpeto; e nuns aniños verán tamén como o rural ten futuro.
Pero moito hai que cambiar para iso. E non precisamente titulares de prensa.