Asemblea Xeral do 06 abril de 2018
Tivemos o pasado venres, 6 de abril, a nosa asemblea xeral bimestral ordinaria. Comezou como todas, coa lectura da acta anterior, que aprobamos rapidamente, e cun pequeno cambio na directiva, substituímos á vicesecretaria porque a anterior, María del Carmen Vilas, vese na obriga de deixalo por acumulación de tarefas; a partires de agora será Eva Vila; dámoslle aquí as grazas a Maica polo traballo e a dedicación que mantivo con esta Confederación, coa que agardamos continúe traballando.
E rematada a parte formal, falamos moito de como está o Ensino Público hoxe en día, de como se foi derrubando a toda velocidade polo desleixo das autoridades educativas, por moitas das novas direccións que apareceron logo da LOMCE apoiadas por esas mesmas autoridades, que están a rematar cos espazos participativos e democráticos que existían nos colexios e institutos; polos currículos imposibles, polos rateos ao límite que poboan as aulas do Ensino Público Galego, pola falta de formación do profesorado, pola inexistencia dun auténtico traballo en convivencia e inclusión, e pola ABSOLUTA FALTA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE, que é algo que temos que pór en maiúsculas, porque está a ser o auténtico cancro do sistema, e que, como sempre dixemos, só ten unha causa e só ten un remedio: máis medios, máis persoal especializado, máis dotación económica, máis investimentos estruturais.
O que se relee na educación é o que se destrúe do futuro da sociedade; pero quen o está a facer non o fai máis que para garantir o negocio duns poucos; aquí non hai teorías, temos claro que se o Ensino Público se destrúe é para entregarlle esa tallada as empresas do ensino privado; contra iso loitamos.
Certamente, tamén fixemos autocrítica, do noso traballo especificamente, e xenericamente da participación das familias, cada día menor e máis feble, con máis aceptación –vai moito no noso carácter esa visión irremediábel da vida- do desastre no que se está a converter o noso Ensino dende que chegaron estes gobernos, con máis asentimento –nótase que somos un pobo que levamos moitos anos sen que se nos permita falar de noso- a esas fórmulas de xestión autoritarias que van aparecendo cada vez máis nos nosos centros escolares.
En fin, falamos da LOMCE, que non é a causa de todo o anterior, pero si de parte, e tamén é o vehículo co que se está atropelando todo o que había de bo no noso Ensino.
Tamén falamos de transporte escolar, cunha tremenda preocupación polo abandono sen precedentes que a consellaría de educación ten sobre a súa planificación futura, que lle ten encomendada totalmente á consellaría de infraestruturas.
Continuamos apostando pola Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, da que somos parte dende os seus alicerces, e da que tivemos unha ampla exposición do feito ata o de agora e do que se pretende tratar na próxima xuntanza. Nós cremos no rural galego, ou máis ben, cremos que non existe Galiza sen termos un rural onde sexa desexable e doado vivir; por iso apostamos por este amplo movemento de demanda.
E rematamos a xuntanza falando do medo ao que pode pasar novamente este curso, de cantos centros están tremendo xa polo seu posíbel peche, de como están rematando coas unitarias, ás que non se lles permite nin xuntárense nun CRA –centro rural agrupado- para garantir a súa imprescindíbel supervivencia.
En fin, máis do mesmo, as familias contra os poderes públicos, a sociedade contra o negocio do ensino, a supervivencia dunha cultura e unha sociedade contra o diñeiro forte que ven de fóra.
Dentro de dous meses teremos outra xuntanza. E haberá moitas máis. E continuaremos dicindo que un País que non ten un fortísimo Ensino Público é un País condenado; porque só aquí se educa en liberdade e igualdade; precisamente porque ninguén gaña nada facendo o contrario.