Posible sentenza sobre a LOMCE
Hai un par de semanas fíxose pública unha información na que se anticipa o máis que previsible rexeitamento do Tribunal Constitucional ao “recurso de inconstitucionalidade” presentado no ano 2014 polos deputados do PSOE contra determinados artigos da LOMCE. A noticia destaca o inicio, polo Pleno do Tribunal Constitucional, do estudo do relatorio elaborado por un dos seus maxistrados. Ao parecer, ese relatorio considera que a Constitución ampara o financiamento público da “segregación por sexo nas aulas”, a “eliminación da democracia na xestión dos centros públicos” e a “segregación do alumnado en itinerarios” en función da súa “clasificación” previa.
Primeiramente, dende a Confederación ANPAS GALEGAS queremos recordar a todas que a LOMCE xa é a lei educativa que acadou o maior rexeitamento social de todas cantas leis educativas houbo no estado Español. O conxunto da comunidade educativa, unanimemente manifestou, e continúa manifestando, a súa total oposición a esta Lei que, por razóns xa moitas veces explicadas e que consideramos non cumpre repetir nesta nota, afirmamos é unha lei que só serve aos intereses neo-liberais do mercado e, polo tanto, condena á nosa mocidade a formarse coma man de obra barata para servir aos intereses capitalistas. E isto é así, considere o Tribunal Constitucional ou non a constitucionalidade de toda a LOMCE ou dunha parte ou do que o Tribunal estime considerar.
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS continuaremos esixindo a súa total derrogación á marxe do que decida o Tribunal Constitucional porque pensamos que NON é unha cuestión de constitucionalidade, realmente é o modelo educativo o que nos estamos a xogar, é o noso futuro como sociedade o que estamos a decidir. Consecuentemente con iso, continuaremos demandando de todos os partidos políticos, que en época electoral prometeron a súa derrogación en canto houbera unha maioría parlamentaría distinta, que cumpran a súa promesa electoral e que definitivamente o Parlamento Español derrogue a LOMCE.
Non podemos esquecer que esa maioría “distinta” xa existe dende hai case dous anos e, sen embargo, a LOMCE continúa plenamente vixente. Parece que, novamente, as promesas electorais non son mais que “papel mollado”, cousa que as familias teremos en conta para próximas convocatorias electorais e ante as próximas promesas.
Dito isto, tampouco queremos pasar por alto o que, ao parecer, estase a validar no Tribunal Constitucional. Se as predicións publicadas estes días son acertadas, o máximo órgano de interpretación da Constitución Española de 1978 vai a afirmar que calquera Centro Educativo, publico ou privado, sostido con fondos públicos ou non, pode decidir elaborar un proxecto educativo diferenciado por sexo, non alcanzamos a imaxinar cales poden ser os argumentos educativos que se poden utilizar para elaborar un proxecto así, mais desgraciadamente, xa se está a facer en moitos centros. Ante esta situación, preguntámonos, onde queda o principio constitucional de que todas e todos somos iguais sen que podan existir diferencias por cuestións de xénero? Onde quedan os dereitos das persoas transexuais?, por poñer un exemplo. Onde queda educación en igualdade para acadar unha sociedade sen diferencias e para poder rematar co patriarcado machista imposto?
Pois a única resposta que podemos dar a estas preguntas tan básicas é “NA PAPELEIRA”.
Non temos interese en facer argumentacións xurídicas sobre a posible sentenza, o noso papel é ser sociedade activa que esixe ter unha normativa que nos defenda e nos faga avanzar, porque tanto as normas como as interpretacións deberían servir á sociedade á que van dirixidas, deberían conformarse como a garantía dunha sociedade xusta e igual, onde ninguén poda sufrir nin discriminación, nin segregación por ningún motivo, algo que parece aínda non está na conciencia colectiva.
Moito nos tememos que, finalmente, o Tribunal Constitucional elaborará unha Sentenza que vai servir ou protexer intereses distintos aos da maioría social; e chegados a este punto, deberíamos comezar a preguntarnos cara onde diriximos a nosa sociedade, non nos estaremos esquecendo de principios fundamentais como a democracia real, a solidariedade, a igualdade, etc…?
Finalmente reiteramos que, ao marxe da decisión do Tribunal Constitucional ao respecto da LOMCE, a Confederación ANPAS GALEGAS continuará loitando e demandando a súa derrogación. NON Á LOMCE!!!
1 resposta
[…] Posible sentenza sobre a LOMCE […]