As seguintes reválidas da LOMCE
Os días 29 e 30 de maio próximos a consellaría de Educación tentará facer as probas de avaliación de 6º de primaria e 4º da ESO, esas que son mostrais, ou sexa que non se fan en todos os centros escolares, senón só nos centros ao que lles tocou por sorteo, para continuar cumprindo o que eles chaman “a legalidade vixente”, e que nós chamamos teimosía en desouvir os mandatos da cidadanía.
Como no caso das probas de 3º de primaria, a nosa Confederación, xunto con todos os axentes sociais e educativos que maioritariamente levamos tantos anos loitando contra da LOMCE, tamén chamamos ao boicot a este gasto inútil de tempo, esforzos e cartos públicos e privados.
Máis neste caso, á parte de subliñar a importancia social dese boicot imprescindíbel , non queremos deixar sen facer unha serie de preguntas que deberán ter resposta cumprida por parte dos nosos responsables públicos:
• Cal é a valoración económica, canto se vai gastar do noso diñeiro, na organización, corrección e información destas inútiles probas ?
• Cal é a valoración laboral, canto é o tempo perdido de profesorado, equipas directivas e alumnado causadas pola celebración destes exames innecesarios?
• Onde está a relación de centros “casualmente escolleitos” pola consellaría para facer estas probas?, e cales son os criterios desa escolla que garanten a fiabilidade da mostra seleccionada ?
• Onde están os resultados, as valoracións, e as propostas de mellora que xurdiron das actuacións realizadas en anos anteriores?
Da resposta a todas estas preguntas, que a consellaría non dará como fai con todo aquilo polo que se lle pregunta, sairía unha única información posíbel: as probas custan unha importante cantidade dos orzamentos públicos, gastan un importante número de horas do traballo da comunidade educativa, e NIN PODEN SER SIGNIFICATIVAS, NIN SERVEN ABSOLUTAMENTE PARA NADA.
Por iso, novamente, animamos ás familias galegas cuxas fillas e fillos se vexan afectadas por estas probas, a que eses días permitan e alenten a ausencia ás clases destas crianzas; é certo que van perder dous días de escolarización, cousa lamentable e máis aínda a finais do curso académico, pero non é menos certo que estamos traballando polo seu futuro, para evitarlles todas as barreiras inútiles que se lles queren impor.
O 29 E O 30 TAMPOUCO HABERÁ REVÁLIDAS NO ENSINO PÚBLICO.
O privado nin nos afecta, nin o consideramos.