Logo das primeiras reválidas de 2018
Onte e hoxe a Xunta de Galiza tentou celebrar nos Colexios Públicos de Primaria Galegos –para nós os centros privados carecen de relevancia- as reválidas de 3º, eses exames que se lle queren facer ás nenas e nenos de 8 anos para, sorprendámonos todas, “mellorar o sistema educativo”; ou sexa, procurar en tres horas o que non se quere escoitar o resto do ano.
O resultado real deste novo intento de realizar estas probas é novamente unha ausencia de máis do 80 % do alumnado galego desa idade, o baleirado masivo das aulas de primaria, e a demostración, novamente, de que as familias temos moi claro que queremos, e como o queremos.
É certo que algo avanzamos, aquelas organizacións que en 2016 estabamos “sementando a confusión sobre as probas, nunha campaña planificada e absolutamente mentireira baseada en falsidades”, somos agora “familias soberanas neste ámbito que adoptamos as decisións que entendemos mellor para nós”; todo isto en palabras do mesmo conselleiro de educación. É ben saber que xa somos maiores de idade, que temos recoñecida a capacidade de tomar decisións propias, e acertadas. Sería ben tamén que o poder político que instrumentaliza a función administrativa, tivera claro que somos soberanas neste ámbito e en todos os demais, que somos, a cidadanía toda, quen debemos marcar o tipo de legalidade que queremos.
Por iso non é admisíbel que o conselleiro diga que están “cumprindo o marco legal existente” e que con esta frase dea por sentado que o seu traballo fica xustificado; porque nós, a xente, a cidadanía, as persoas interesadas, os posuidores da soberanía, levamos CATRO ANOS dicindo que non queremos reválidas no Ensino Público, e que ademais non as imos tolerar.
Por iso, o que debe facer o conselleiro, como titular dun poder de representación NOSO, é traballar para modificar esa legalidade e darlle o xeito que NÓS queremos; o traballo dun representante público é facer cumprir a vontade do pobo a quen representa, e a nosa vontade está rotundamente clara, algo máis dun 80 % de claridade, unha maioría dificilmente cuestionable.
Sr. Conselleiro, novamente venceu a razón, a nosa razón, diante da súa incapacidade para escoitar aos galegos e galegas, NON QUEREMOS REVÁLIDAS PARA AS NOSAS FILLAS E FILLOS.
E SERÁ VOSTEDE, DUNHA VEZ, QUEN DE COMPREDELO E ACTUAR EN CONSECUENCIA ?