Agora si. Esiximos a derrogación da LOMCE
Fagamos un pouco de historia:
O 17 de xullo de 2013 toda oposición parlamentaria acordou derrogar a LOMCE en canto houbera cambio político, nese acordo estaba o PSOE, IU, CiU, PNV, ERC . Daquela gobernaba o PP por maioría absoluta, a mesma que lle permitiu aprobar practicamente en solitario esa nefasta Lei.
O 5 de abril de 2016 o Congreso vota maioritariamente a favor de paralizar a LOMCE, e esa maioría está formada polos votos do PSOE, Podemos, Compromís, ERC, PNV, IU, DL e EH Bildu.
O 1 de xuño de 2018 o Congreso aproba unha moción de censura cos votos de PSOE, Unidos Podemos, Compromís, ERC, PNV, PDdeCAT, NC e EH Bildu.
Agora dicimos: se son as mesmas formacións as que apoiaron o cambio de Presidente de Goberno que as que rexeitaron a LOMCE no pasado, se temos un Congreso dos Deputados que ten unha maioría partidaria de rematar coa vixencia da lei educativa máis lamentable que deu o noso sistema legal, temos algo máis que agardar?
Levamos moitos anos, dende que no 2012 apareceron as primeiras mencións a unha reforma legal clasista, recentralizadora, segregadora, confesional e discriminatoria do sistema educativo, pelexando e dicindo, sempre dun xeito maioritario, que non queremos esa Lei, que ven a crear moitos problemas e a non resolver ningún, que hai que derrogala e logo comezar a falar, con calma e un amplo consenso, dun modelo educativo novo, que é imprescindíbel, que o camiño pasa por un cambio rotundo e por un acordo o máis xeral posíble.
Pois ben, agora é posíbel facelo, hai maioría e non hai outros atrancos que os que queiramos autoimpoñernos, derroguemos pois esa Lei, pechemos estes anos de erros, e emprendamos un camiño novo que teña futuro e no que participemos todas, para que o Ensino Público, o único que importa, sexa o motor que coloque ás novas xeracións nun mundo actual, inclusivo e con futuro.