Carta a Maria Luz Martínez Seijas, secretaria socialista de Educación e Universidades
Prezada deputada,
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS queremos felicitarnos mutuamente pola saída do goberno do Estado do grupo político que aprobou a LOMCE, esa lei contra a que levamos mobilizándonos máis de seis anos, e que veu traer todas as sombras posíbeis ao noso Ensino Público.
Nós entendemos, polas vosas declaracións destes anos pasados, que o goberno actual coincide cos nosos plantexamentos xerais, no senso de que é necesario eliminar esa Lei, restaurar a democracia nos centros escolares, recuperar a inclusión como máximo obxectivo no Ensino Público, defender un modelo descentralizado e respectuoso coas realidades lingüísticas e territoriais diferentes, e traballar nun modelo educativo de todas e para todas.
Esas son as razóns polas que queremos dicirvos que chegou o tempo de dar un paso atrás, para borrar todos os efectos desa lexislación lamentábel, e tamén un paso adiante, para conseguir outro modelo que contribúa a crear outra sociedade, na que as nosas fillas e fillos teñan un mellor futuro.