Logo do día das Letras Galegas
Dende esta Confederación, acostumamos a enviar a nosa opinión sobre a celebración das Letras antes do 17 de maio, e sempre dicimos unhas horas antes que temos que mimar a Nosa Lingua, que temos que defender o Galego, que hai que procurar unha nova normativa, un novo marco de defensa desa riqueza común que está a se esvaecer todos os días. E todo iso é certo e hai que dicilo.
Máis moitas veces pensamos canto será o que queda nos días posteriores destas imprescindíbeis celebracións e discursos? Canto permanece fóra xa de liturxias e bandeiras? Está claro que aqueles que cremos na defensa da Lingua Galega continuamos a crer nela, e continuamos a defender o mesmo os 365 días do ano, máis non é menos certo que hai unha parte da poboación galega, a que atende ao discurso oficial, que pode ficar convencida de que ese acto formal de posta en valor excepcional un día ao ano, xa é referente abondo como para considerar atendida a demanda á preservación do patrimonio cultural propio.
É esta idea, a de patrimonio cultural propio, que semella importante e valedora, é realmente unha concepción certa que está a ser habilmente utilizada por un sector político concreto, ese que tenta por todos os medios colocar o noso idioma no lugar onde eles queren telo: nun museo, nunha enciclopedia, nunha reserva protexida, en calquera lugar pero “nun” lugar, fóra da pluralidade do cotián, da simplicidade do que nace, está e permanece todos os días.
A falsidade das celebracións é sempre a de contentar a aqueles que teñen unha mínima mala conciencia, dándolles a xustificación abonda como para continuar coa súa vida ordinaria dando por resolto un problema que lles incomoda, “eu xa defendo o galego, santifico o día das Letras, mesmo pode ser que vaia ás mobilizacións, e ata que escriba algún comentario nesa lingua ese día”, e con eses pensamentos ou outros similares fican inactivos durante os próximos 364 días ata que volve a ser o día de facer a homenaxe que cómpre.
É certo que aquelas que nin tan sequera teñen ese pensamento, e ven o día das Letras como un festivo máis para ires á praia ou de paseo, son aínda un problema máis grande para a nosa Lingua; pero o desleixo dos contrarios non é sorprendente nin perigoso, porque pode ser medíbel e rebatíbel; o perigoso é o desleixo dos que se definen a si propios como defensores, e logo simplifican a súa defensa nun acto ritual de nula repercusión, ou nun número limitado de “gústames” nunha rede social.
Agora, que xa non ten eco o día das Letras Galegas nas noticias lidas ou escritas, e que xa a atención común volveu á vida ordinaria e aos problemas de acotío, pode ser o momento de pensarmos que a Lingua só se defende dende a propia inmersión nunha visión global galega; porque é certo que debemos permanecer en galego na cultura e nas feiras, que hai que festexar en galego, e manifestar na Nosa Lingua o máis importante e o máis relevante que nos ocorra; pero aínda que homenaxeemos a Lingua nos grandes lugares, non é menos certo que onde se perde ou consolida o seu uso é nas rúas, prazas e mercados, e é nesas rúas e prazas onde cómpre gañar a batalla pola nosa permanencia e futuro.
Quen falamos galego, e amamos fondamente esas verbas, sentímonos entristecidos ao ver que hai cada vez menos ámbitos sociais e laborais onde se fale con normalidade, que de feito xa se escoita falar español en lugares e situacións onde hai poucos anos era inaudito que iso acontecera, agora mesmo outra lingua está introducíndose na nosa intimidade, está comezando a describir a nosa realidade, e se a describe tamén a modifica e a moldea ao exemplo doutras xentes e culturas.
Formar e convencer, ilusionar á xuventude coa utilización dunha Lingua que os define mellor que calquera outra, recuperar o Galego na vida de todos os días, e de todos os lugares e circunstancias , crear orgullo de posuír un Idioma fermoso e amábel, no que todo pode ser pensado e expresado, vivir en Galego sempre.
Ese é o camiño, o que pode salvarnos da desaparición e a perda.