A relixión fóra das aulas
Móvese algo: a ministra de educación ven de dar, no Parlamento que é onde ten que facelo, un par de pautas sobre os cambios que queren introducir na LOMCE -nós quereríamos que desaparecera sen máis- , e gustaríanos comentar hoxe o que propón para a materia de relixión:
– Deixará de contar para a nota media: aplaudimos sen fisuras esta medida, a formación que queremos avaliar é a que tamén consideramos imprescindíbel para a educación das nosas fillas e fillos; a relixión non ten ese carácter, é un coñecemento que só é necesario dende a pertenza a un grupo de crenzas.
– Non contará para pedir bolsas ou acceder á universidade: obviamente tamén o aplaudimos, pola mesma razón que antes, non é un coñecemento que resulte interesante para a organización social laica que a nosa normativa establece, polo tanto non ten porque ter unha valoración para resultados económicos ou promocionais.
– Non terá unha materia alternativa: isto si é a corrección dun enorme erro histórico no noso currículo académico ordinario; efectivamente, non existe unha moral alternativa á relixión que sexa explicábel aos nenos e nenas que non asisten a estas clases, porque esa moral alternativa, que non é nin máis nin menos que a formación en valores xeralmente admitidos no noso sistema normativo e social, ten que se aplicar a TODAS e TODOS, relixiosos ou non.
– Falta por definir que ocorrerá, durante esas clases, co alumnado que non asista a esa relixión “de obrigatoria oferta e voluntaria escolla” que a ministra promete, a nosa proposta sería que esta materia se dera en horario á parte, polas tardes ou en fins de semana, de tal maneira que o alumnado que non quixera acudir puidera permanecer na súa casa, coas súas familias.
Ata aquí estamos bastante de acordo; o que non comprendemos é porqué, logo de chegar ata aí, o goberno non dá o paso que realmente vai implícito nesta declaración de intencións: retirar a relixión, calquera, todas, das aulas; desfacerse do profesorado desa materia -o que implicaría un notable aforro nas contas públicas- , e promover e xestionar un Ensino Público Laico.
Prohibir, por lei, que ningunha crenza relixiosa estea presente nos colexios, institutos e universidades, avanzar nunha sociedade laica e aconfesional, na que por suposto tería cabida e protección -no senso de non o prohibir- o desenvolvemento relixioso particular, privado e íntimo; iso sería dar por fin á relixión o lugar que merece no contexto social.
Todo o demais, aínda que sexa un avance que recoñecemos, máis aínda logo dos anos de tremendo retroceso que nos preceden, é non atrevernos a modernizar o Ensino Público e a Sociedade de todas e todos.