Son necesarias accións tallantes contra o machismo
Quizais sexa unha quimera pensar que chegará un día no que o 25 de novembro non sexa unha data especial, non teña un significado concreto, nin debamos xuntarnos para lembrar que hai mulleres que son asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. Que hai crianzas que morren a mans dos seus pais só para castigar as súas nais, esas mulleres que un día, fartas de malleiras, maltrato psicolóxico e desprezos, deciden dicir “basta!, o que finalmente acaba custándolles a vida.
Non parece que ese día esté preto, abonda con ver o número de vítimas ano tras ano e a indiferencia que provoca. Apenas un titular nun medio local, un minuto de silenzo no mellor dos casos e o perpetuo abandono institucional no que se sume á violencia de xénero.
Vén estes días de ser reafirmado no seu cargo un xuíz que insultou e fixo mofa dunha vítima de maltrato, xusto ao remate do xuízo e antes sequera de quitar a toga que supostamente debería acreditalo na imparcialidade e na xustiza.
As súas chanzas foron púbicas grazas a unha gravación accidental e xa é grave que as faga un xuíz, pero máis se cabe un xuíz adicado e formado para xulgar casos de machismo e violencia contra as mulleres. O eterno raposo no galiñeiro.
Só denota o pouco que toman en serio que morran mulleres: que sexan acoiteladas, tiradas por barrancos, queimadas ou que lles peguen un tiro. Con demasiada frecuencia diante dos seus fillos e fillas, orfos xa de por vida que irán a escola e seguerán sen ter medios para educarse no que significa o machismo, as súas consecuencias e o perigoso de banalizalo.
A Educación é a base da formación que pode erradicar estes comportamentos, o compromiso serio de chamarlle as cousas polo seu nome e non buscar eufemismos cando falamos de asasinatos machistas.
Non ten outro nome. Coma non o ten cando unha muller pide axuda e só atopa atrancos, para despois sorprendernos cando o seu nome aparece nesa lista infausta de vítimas e coñecemos que denunciara, pero que non obtivera ningún tipo de medida de proteción e, ás veces, nin sequera un mínimo de comprensión.
Non é suficiente que dende 2003, ano no que se empezaron a contabilizar as vítimas de violencia machista, haxa 971 mulleres asasinadas. 27 nenas e nenos dende 2013.
Neste 2018, aterradores días nos que houbo ata tres vítmas en menos de 24 horas. Nais e fillos sucumbindo baixo o atroz machismo que non atopa máis resposta que un lazo negro ou algunha cínica proposta que sabemos que nunca fructificará.
Cada 25 de novembro todas somos vítimas, porque todas somos mulleres e chega con mirar arredor para sentir puro arrepío.
A prostitución no debate de legalizarse ou non, porque despois de todo somos mercaduría e porque non ía o Estado a beneficiarse e cobrar os portes da transación.
Mulleres rifadas en locais coma vacas nunha feira e con medios de comunicación que o publicitan por unhas cantas moedas de prata.
Mulleres que nunca medran nas súas profesións porque os seus xefes sempre van promocionar ós homes, que non teñen familias que coidar porque para iso casaron.
É cousa delas. Machismo dende a tenra mocidade, onde a falla dunha Educación rigurosa está Internet e a pornografía, ese submundo será a única escola sexual que moitos coñezan, onde os homes non precisan consentemento e sempre dominan ás mulleres.
Así medran as manadas. E aquí deberemos seguir cada 25 de novembro, erguendo a voz e laiándonos, sí…pero tamén celebrando as que somos e estamos. Porque só de nós, de todas nós, depende que todo cambie.
De hoxe nun ano…aínda que ogallá non faga falta!
Buseranas