A poucos días do nadal 2018
Faltan uns días para comezar as vacacións de nadal, para que remate este longuísimo primeiro trimestre do noso lamentablemente mal organizado calendario escolar.
Foron 68 días, o segundo serán outros 68 e logo a nosa mocidade terá un terceiro trimestre de 42 días; seguro que sobre o papel hase tentar corrixir a diferenza entre o segundo e o terceiro, facendo que a segunda avaliación sexa un pouco antes, e comezando a terceira antes das vacacións da semana santa; unha chapuza por non solucionar un problema que se repite ano tras ano, o que dicimos sempre: a relixión fóra das aulas, pero tamén fóra dos calendarios escolares, fóra das vacacións, fóra das festividades, fóra da vida colectiva.
Remata tamén un ano de esperanza, e quizais mesmo un ano de desilusións; esperanza porque houbo un cambio de goberno en Madrid que nos fixo pensar -moi timidamente, que parvas tampouco somos- que era posíbel que puidera haber un intento de cambio da LOMCE. Algún paso xa se deu, e a esperanza non estaba tan inxustificada, pero foi moi feble, e sobre todo, e iso é quizais a nosa maior sorpresa, non foi unha demanda urxente das forzas políticas que, teoricamente, deberían estar apoiando este cambio. É que non existe un interese real por unha reforma educativa? É que hai máis apego pola LOMCE do que moitos partidos quixeran dicir en voz alta?
É quizais un dos momentos nos que máis soas, estando aínda moi acompañadas, nos sentimos na loita contra unha normativa clasista e recentralizadora, non escoitamos voces rotundas que poñan en primeira liña de demanda a esixencia dun Ensino Público de elevadísima calidade, non vemos que se poña esa reclamación no lugar que lle corresponde: O PRIMEIRO. Sen un Ensino Público como o que demandamos NON HABERÁ FUTURO, nin para a sociedade, nin para as persoas, nin para os pobos; ou pensa alguén que a empresa privada, o ensino privado, vai traballar algunha vez para o ben común e para unha sociedade máis igualitaria? Mal iríamos con eses pensamentos.
En Galiza temos tamén un cambio de nomes na Consellaría de Educación, sexan benvidos, e aínda demandaríamos máis cambios, agardemos que conceptos elementais como a inclusión, a defensa do País, o respecto pola identidade propia, a salvagarda do noso RURAL -con maiúsculas e toda a énfase- ou o deseño dun Ensino Público de todas e para todas poidan entrar nas mentes novas, xa que non o fixeron nas que saíron.
Bo Nadal a todas as persoas que queren o ben das demais, que sabemos e entendemos que non hai mellor sociedade que aquela que pensa en todas as que a compoñemos, que defendemos estarmos xuntos para sermos máis libres e completas.
Bo Nadal ás Nais e Pais do Ensino Público Galego, somos o berce do futuro e o agarimo do presente.