Cumprimos cinco anos
Este 30 de novembro cumpríronse cinco anos dende o día no que as oito Federacións que formamos ANPAS GALEGAS decidimos que era o momento de saír á rúa, cun nome propio novo e diferente, mais cunha traxectoria de moitos anos traballando en solitario por toda a nosa xeografía..
Cinco anos, nunha organización tan ampla non é demasiado tempo porque a nosa vocación é continuar sen límites; pero para as persoas que estamos traballando de acotío si que o é, e queremos festexalo como se merece: asegurando que somos o referente das familias no Ensino Público Galego, que as constantes respostas que damos a quen se achegan a nós dende todos os puntos da nosa xeografía garanten que a nosa presenza era desexada e agora é necesaria. E que con todos os erros que puideramos ter, moitos de seguro, aínda son máis as necesidades cubertas, os ánimos recobrados e os acompañamentos outorgados a todas aquelas persoas que desexamos traballar por un futuro mellor para o noso Ensino, e precisamos da compañía doutras para nos sentir acubilladas e firmes.
As ANPAS somos IMPRESCINDÍBEIS, sen nós non se concibe un Ensino Público participativo, democrático, inclusivo, libre e aberto; somos a ponte, a voz, a canle pola que as inquedanzas familiares están presentes no día a día dos centros escolares; somos quen dá corpo á comunidade educativa, quen falamos por todas e para todas; tamén quen demandamos constantemente ás diferentes administracións o mantemento e mellora dun Ensino Público digno e de calidade.
Somos, a fin de contas, as Nais e Pais da infancia e a mocidade galega, quen estamos criando e asegurando o relevo do futuro, e quen traballamos para que ese relevo sexa unha mellora para a sociedade toda, para o País enteiro. E non hai ninguén máis interesado que nós en mellorar a vida das nosas fillas e fillos, ou hai quen pense que existe alguén mellor que unha nai ou un pai para facelo?
Hoxe non se entende o mundo educativo galego sen que a nosa Confederación estea presente, e aínda que soe a fachenda sentímonos importantes na nosa pequenez por telo traballado, e por seguir traballando coas constantes achegas de todas as persoas que, ano tras ano, van sumando o seu interese a este que tamén é o noso: un Ensino Público Galego de todas, con todas e para todas as persoas que vivimos e vivirán en Galiza, o noso País, o noso Mundo.