Primeira reunión coa conselleira de Educación. Fixemos entrega das nosas demandas.
A directiva da Confederación ANPAS GALEGAS estivo hoxe reunida coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, e con outros cargos da consellaría.
A xuntanza foi unha primeira toma de contacto, segundo dixo a mesma conselleira. Ao que nós respondemos co noso acordo, e co desexo de que houbera moitas máis xuntanzas que co conselleiro anterior.
Porén, deu lugar a unha conversa ampla, distendida e amable; temos que dicir que nese senso as formas cambiaron, o que é de agradecer; pero ademais desta volta falamos con alguén que demostrou coñecer o mundo educativo dende dentro, con soltura e coñecemento do que estabamos a falar; tamén iso é un cambio en positivo.
De feito, ao fío desa intención de máis contactos, comezamos a charla solicitando que se convoque unha comisión tripartita, xunto coa consellería de infraestruturas, para falarmos de transporte escolar, e outra para falarmos de comedores escolares; remachamos nese momento a importancia de organizar momentos de traballo conxunto que permitan unha fluidez que ultimamente non é posíbel coa consellaría.
Pero a meirande parte do tempo dedicámolo a falar de inclusión educativa, facendo un fincapé sistemático no funcionamento dos centros educativos, nas súas carencias, sobre todo nas profesionais, e na necesidade de que a atención á diversidade, no canto de se ver como un problema pase a verse como unha oportunidade de traballo en positivo; falamos da necesidade de potenciar, e estabilizar, aos equipos de orientación nos centros, da necesaria coordinación cos profesionais externos que traten á nena ou neno, no caso de habelos, da urxencia en termos diagnoses acertadas, e na necesidade de poñer moitos máis medios enriba da mesa.
Aínda que escrito pareza pouca cousa, iso levounos case toda a hora e media de xuntanza, tamén falamos de protocolos, de rateos de alumnado/aula que habería que diminuir, de gratuidade, de promoción do rural, de ensino laico,…, e de moitas cousas que quedaron no tinteiro porque o tempo non é infinito.
Quedóusenos moito, pero deixámosllo por escrito.
E nós collémoslle a palabra dun seguinte contacto, solicitaremos outra xuntanza nuns meses para seguirmos falando de Ensino Público Galego, que é o que nos toca.