Conciliar en Galiza. Quen concilia e quen o paga
E que vén sendo conciliar?
Diga o que diga a teoría, na realidade práctica do noso País conciliar consiste en someter ás crianzas a máis tempo de coidado de terceiras persoas, para permitirlle ás súas nais e pais –maiormente aínda hoxe ás súas nais, mal que nos avergoñe poñelo por escrito- que atendan ás súas obrigas laborais, e tamén a todas aquelas obrigas persoais que non se poidan realizar cunha crianza ao carón.
E por que facemos iso? Pois porque como sociedade temos asumido:
- Que todo traballo retribuído é prioritario, e non se cuestiona nin a súa duración temporal nin o que nos ocupe mentalmente; a persoa traballadora ten que cubrir denantes de ningunha outra obriga os rendementos que esa condición esixa.
- Que o importante é que as crianzas estean atendidas por alguén que as defenda de riscos materiais: que non caian, que non se manquen, que non afoguen…; dámoslle máis importancia á crianza física que á atención afectiva e/ou educativa.
- Que a condición de nai ou pai desenvólvese a través da procura daquela defensa, e perfeccionase coa dedicación ás crianzas do “máximo tempo libre dispoñible”, logo por suposto de cumprir con todas as obrigas que se indican no punto 1.
- Que as crianzas son das súas nais e pais, e que a sociedade non ten responsabilidade na súa educación e formación.
Sorprendentemente estas realidades, asumidas dun xeito irresponsable pola sociedade actual, non se compensan coa demanda social duns servizos públicos que garantan esa atención -porque novamente non hai conciencia grupal de que as nenos e nenos son un ben común- ; e é a propia familia traballadora quen terá que conseguir no mercado aquela atención que precisa para as súas fillas e fillos.
Ese mercado ao que se acode é fundamentalmente privado e custoso, tan privado que mesmo contamina os centros escolares públicos, nos que está admitido con normalidade, dentro da inexistente pero aínda así proclamada gratuidade do Ensino Público, o pagamento dos servizos complementarios de atención, nomeadamente madrugadores e comedores escolares, máis tamén doutros servizos que se organizan noutros horarios: actividades extraescolares, campamentos de períodos non lectivos, organización do transporte entre o fogar e a escola, etc.
E iso é ter fill@s neste País, preocuparse de que alguén os atenda mentres as nais e pais traballan para pagar esa atención; e logo ficar parvos pola desafección, a falta de unidade e a desconexión das familias entre nós propias.
Mais isto non ten lóxica ningunha; ter fillos debera ser unha excitante decisión na que os adultos entramos co instinto de que a nosa especie se manteña, e coa intención de devolver aquilo que os nosos pais fixeron connosco; ter fillos é transmitir toda a nosa madurez a outras persoas que se inician nun mundo que nós imos deixar antes que eles; ter fillos é perpetuar a nosa condición de individuos na historia.
Pero para termos es@s fill@s, e facer eses labores necesarios, o de permanencia e tamén o afectivo de transmisión de valores e crenzas, precisamos que a sociedade, nomeadamente as persoas que aspiran a dirixila, asuma dous valores elementais:
- Que temos unha obriga conxunta na educación, a atención e a defensa das novas persoas que veñen a este mundo; e que a única tradución posible desta obriga está no establecemento de políticas de atención á infancia, garantindo servizos universais públicos e gratuítos que posibiliten unha mínima adaptación dos horarios laborais e familiares
- Que temos que defender o dereito das familias a dispor doutro tempo para ser elas os suxeitos activos da atención, tempo que só pode saír dun menor horario laboral que debe ser custeado por todos, e do convencemento global de que ter fillos é un ben social superior a calquera expectativa profesional.
Esta sociedade terá que entender algún día que ten que esixir aos seus gobernantes que enfronten a defensa da maternidade e da paternidade garantindo o dereito a sermos nais e pais a tempo completo, sen custes adicionais, sen heroicidades temporais, senón asumindo que no momento no que exercemos como nais e pais, estamos traballando para a sociedade toda, que nos precisa nesa función.