Participando
É moi curioso este mundo das asociacións de nais e pais: cando facemos algunha declaración pública incorporamos sempre un chamado á colaboración co profesorado e coas equipas directivas dos centros escolares; por volta, cando escoitamos as súas declaracións, tanto das directivas coma do profesorado, levan a mesma mensaxe, e afirman que é imprescindíbel intensificar a relación coas familias. A administración educativa, que pouco pinta e menos fai neste tema da convivencia dos adultos, ten un discurso oficial que mantén esa liña da necesaria participación, e de construción da comunidade educativa.
Ao alumnado, por suposto, e salvando as excepcións que poida haber, ninguén lle pregunta, nin a administración, nin o profesorado, nin as direccións, nin as propias familias. Son a parte “paciente” da comunidade educativa, e queda moito que traballar na súa participación efectiva.
A realidade logo está moi arredada do discurso que se fai ao público: a vida educativa circula por estradas diferentes para cadanseu colectivo, estradas que, casual e puntualmente, poden entrecruzarse, ou polo menos circular en paralelo; e a participación enténdese, sempre falando por maiorías, como aquelas circunstancias nas que uns son/somos chamados a incorporarnos a unha actividade, máis ou menos ritual, que organizan os outros; sendo máis o tempo que se traballa dun xeito independente que o contrario. De feito a linguaxe dános a chave da circunstancia: ou traballamos de xeito independente, ou facémolo de xeito dependente, raramente hai outras fórmulas.
Hai por desgraza circunstancias onde se traballa en direccións contrapostas, pero imos defender que esa é a excepción, porque aínda que certamente non temos moi traballada a colaboración, tampouco temos ningún interese, ningún dos colectivos, en movernos na discusión ou no conflito.
E así estamos, e tampouco existe, ou non é doado de ver, un movemento global que demande un cambio amplo destas relacións, estamos localizados no status quo, e semella que con isto abonda.
Mais si é certo que entre as voces autorizadas que falan de educación álzanse cada vez con máis forza, aínda que de momento non ecoa na base social, opinións que defenden a necesaria construción de realidades diferentes ás que coñecemos, voces que defenden a necesidade de cambios de modelos educativos, e tamén, que é o que nos ocupa neste artigo, cambios na normalización da vida en común de todas as partícipes na educación.
Non é normal que as familias sexamos espectadoras da educación dos nosos fillos e fillas, non o é tampouco que o profesorado non teña o apoio familiar que precisa para desenvolver a súa parte de labor educativo social –non do académico, ese é profesional e correspóndelles; ao igual que o persoal é totalmente noso- , nin é normal que o alumnado non teña a sensación, e tamén a obriga, de que ten moito que dicir no decorrer cotián dos centros educativos.
Traballar como ata o de agora está apartando ás familias da educación dos seus fillos e fillas (en moitas ocasións, lamentabelmente, sen que as propias familias cuestionen outra posibilidade), e está a converter os centros educativos en lugares a onde se acode para “recibir” un ensino enlatado que logo ten difícil acubillo no mundo real.
Todas as familias dicimos sempre que a nosa maior sorpresa cando volvemos ao Ensino, xa como pais ou nais, é que recobramos, sen cambios demasiado notorios, o mesmo Ensino que abandonamos como alumnas e alumnos trinta ou corenta anos atrás; que son moito tempo e máis aínda na nosa historia;
Quizais ese comentario haxa que escoitalo con sentimento de fracaso colectivo porque non é ampliable ao resto da realidade social, se o mundo non é como hai corenta anos, por que entón estamos resignados a que o Ensino non cambie?.
Dende as ANPA apostamos pola colaboración, por elaborar novas vías de traballo en común entre todas as partes afectadas pola educación pública, que permitan que a formación da nosa xuventude se faga dende unha visión cada vez máis integral, que coordine mensaxes e respostas para que a oferta que lle fagamos á xente do futuro estea coordinada en valores comunmente aprezados e compartidos.
Apostamos por participar no Ensino como a parte imprescindíbel que sabemos que somos, tal e como hoxe quere participar a sociedade en todos os ámbitos da vida colectiva.
En resumo, apostamos por traballar tamén dende aquí polas nosas fillas e fillos. E o que compre non?, ou é que ese non é o noso principal obxectivo?