En galego!!!
Hoxe novamente é 17 de maio, e novamente celebramos o noso idioma, o noso xeito de sermos e dicirmos, festexamos algo tan natural e humano coma ter unha expresión de noso, unha suma de verbas coas que estamos definindo as cousas que nos arrodean, os lugares que pisamos, as plantas que recenden ao noso carón, as facianas que compomos ao ir amosando como entendemos a vida, porque ao falar dámoslle vida ao que sentimos, pensamos, devecemos ou amamos, ao falar somos; ao non falar no noso, morremos.
Hoxe hai xa moitas galegas e galegos de veciñanza -que iso somos formalmente as e os galegos, quen aveciñamos nesta Terra- que teñen como lingua nai o castelán, que mesmo descoñecen fondamente a lingua galega, que nunca falaron e que din nunca precisar, son moitas as persoas que aquí nacen, viven e morren que desenvolven a súa vida noutra lingua diferente da que prendeu nestes mares e medrou nestas fragas.
Esa xente non é menos galega que as que falamos o que bebemos no ar que respiramos, non é menos merecente do noso respecto e do noso coidado, nin temos porque consideralos doutro lugar; son o produto de séculos de desleixamento do propio, e de décadas de contaminación publicitaria e imposición política. A xente que hoxe non fala galego Aquí é porque son o froito dun traballo asisado e consciente de quen pensaron que rematando coa diversidade gañarían pulo e mercado, que completarían a conquista das armas e das herdanzas e que farían grande o seu país, tal e como se facía daquela e quizais aínda hoxe se faga.
Pero esa xente non é responsábel do que os conduciu aí, do mesmo xeito que quen vivimos en galego non temos porque nos gabar dun enxebrismo que moitas veces só ven da continuidade en contornas non tan contaminadas, máis por febles e de pouco valor, ca por fortes e resistentes.
Mais hoxe é o día da Lingua, e coma todos os anos temos que dicir que, aínda que é certo que hai xente galega que non fala galego, e que mesmo hai xente galega que pensa que non necesita coñecelo, nin escoitalo ou falalo, iso non xustifica o constante abandono que sofre a nosa cultura por quen debera acariñalo e protexelo.
Non existe máis lingua de noso que a Lingua Galega, non existe outro xeito de expresar quen somos máis ca facelo en Galego, non existe outra exposición da nosa cultura máis que a realizada a través do noso Idioma.
Quen pretenda ser galego de ben, quen ame a terra que o atende e que o ha acoller algún día ten que coñecer, entender, apreciar e utilizar A Nosa Lingua; porque só Ela poderá expresalo intensamente.
E quen nos gobernan e organizan teñen que nos acompañar na súa defensa e coidado, teñen que traballar arreo para que as novas xeracións se decaten do que están a deixar atrás, do que renegan na súa incultura imposta: se morre a Lingua, morre o País; e se morre o País, morremos todas as persoas, as que houbo, as que hai , e as que haberá, morre a historia e morre o futuro, morren as lembranzas e as arelas.
Por un Ensino Público para todas e todos: EN GALEGO !!
1 resposta
[…] En galego!!! […]