Hai outras maneiras de ver o calendario escolar
Toda a organización educativa deste noso País ten o mesmo carácter arcaico e inadaptado á realidade que estamos a vivir; de sempre, limitámonos a reproducirmos ano tras ano o que se viña facendo, sen parar a pensar na urxencia de actualizar o que xa temos algo organizado, porque probablemente haxa moitos campos nos que esa organización xa non serva, xa non sexa acaída ao mundo que vivimos, como son as xornadas escolares.
O calendario escolar galego é algo que impón a administración educativa, fálase algo cos sindicatos, pero só dende o punto de vista laboral, dos dereitos das persoas traballadoras do ensino; iso é lóxico e debe facerse, pero iso non é educación pública, son dereitos laborais; e para nós, hai moito máis que falar.
O calendario escolar establece cando comeza o curso e cando remata, cando hai vacacións, cando é o día do Ensino, e outras moitas datas que inflúen directamente na vida da infancia, da mocidade e tamén na vida das familias galegas, porque –sabémolo todas- mentres unha familia ten ás súas fillas e fillos en idade escolar, é a escola quen marca todos os horarios, todas as organizacións e todos os descansos. Está ben que así sexa dende o punto de vista do grao de importancia, pero ten que estar ben organizada, e xa de paso non estaría mal tampouco que fose unha organización transparente, da que todas coñeceramos, e na que todas participaramos.
O calendario escolar ten que responder, por diante de calquera outra consideración, ás necesidades educativas do alumnado, aos seus tempos de traballo e de lecer, ás vacacións que entendamos como correctas, á disposición do tempo necesario para a preparación da carga de traballo, mesmo tamén á contemplación dun tempo amplo dispoñíbel, que uns estudantes precisarán máis ca outros, pero que é fundamental para a participación activa da diversidade da escola pública.
É hora de que se abra un amplo debate, onde queremos e debemos participar co resto da comunidade educativa, no que se fixen as características ideais dun curso escolar, onde deben situarse os períodos de descanso, como deben organizarse os períodos lectivos para que resulten equilibrados uns cos outros, onde se situarán as probas académicas –cando as haxa- de superación de trimestre ou bimestre, etc.
Por exemplo, no calendario que a Consellaría –logo de que o denunciaramos diante da sociedade- colgou apresuradamente na súa web este 21 de xuño, aparecen tres trimestres de duracións totalmente dispares: 70, 59 e 48 días lectivos, pero é que o curso que rematou onte tívoos aínda peores: 69, 66 e 42!! É que dá o mesmo traballar 70 días seguidos que traballar 48 ? É que se pode establecer unha distribución homoxénea de contidos en períodos tan dispares ? Obviamente, non.
Por suposto que haberá que falar de tradición, de festas que temos metidas nos miolos da historia, de costumes que son leis porque así foi sempre e están admitidas pacificamente; pero tamén haberá que falar do absurdo de que o calendario medieval dunha confesión relixiosa estea marcando os tempos de traballo e descanso de toda a sociedade, e nomeadamente do alumnado. A tradición ten que combinarse coa actualización, non pode retrasala.
Pero o calendario escolar é algo máis ca iso, logo de sabermos cal debera ser a mellor organización para o benestar das nosas crianzas, para que o seu paso polo Ensino Público sexa o máis vantaxoso e doado posible; logo temos que falar nós, as familias, como axente principal e cun dereito superior a calquera dos outros implicados neste aspecto do Ensino Público; porque quen sofre os seus erros organizativos somos nós, somos nós quen temos que planificar a conciliación imprescindíbel para combinar 5 horas de clase durante 175 días ao ano, con 8 horas de traballo durante 230 días ao ano, que é a diferenza entre a carga lectiva e a carga laboral que soporta unha familia.
Non pode ser que sexan os nenos e as nenas quen estean a soportar os horarios laborais dos seus pais e nais, non pode ser que non haxa voces, máis aló das nosas, que non demanden un modelo de organización social que permita que a xente teña descendencia contando coa colaboración de toda a sociedade, e moi nomeadamente da administración pública, que somos nós mesmas. Non podemos continuar a pensar que a crianza e a educación da cativada pode facerse de calquera xeito con tal de que sobrevivan, porque agora mesmo as nosas obrigas, e as nosas expectativas están moi por riba do que implica esa supervivencia
Debemos debater un novo modelo de calendario escolar, que non dane á infancia e á mocidade, que colabore coas familias, que facilite a participación da sociedade toda, que permita unha planificación ordenada e coñecida de todo o que se vai facer durante o curso escolar, para que poidamos tamén organizar o outro tempo das nosas nenas e nenos, un tempo que as familias queremos compartir con elas, aínda que hoxe non haxa máis que atrancos para facelo.