Un ensino español, unificado e pouco libre – ABAU (Ou EVAU) para todas
Hai falsidades que as veces se presentan, por parte de quen teñen intereses nelas, cun discurso disfrazado; son cousas como “a libre elección de centros”, o “dereito a escoller unha formación relixiosa”, “que non haxa materias adoutrinadoras que eduquen en valores cívicos”, ou agora “que haxa unha única proba ABAU en todo o Estado español”, que aparecen como revestidas dunha pátina de igualdade, coma se fosen dereitos que hai que conseguir.
Son declaracións que esconden sempre outras realidades menos amables: “non queremos levar aos nosos fillos ao colexio que lles toca, porque preferimos que non se mesturen con xente diferente”, “queremos facer guetos ideolóxicos”, “non temos interese en que exista unha formación democrática e laica na educación das nosas crianzas”, ou, agora, “queremos que haxa un ensino español que adoutrine nun modelo de Estado-Nación laminador de dereitos e realidades culturais diferentes”.
O currículo de bacharelato neste noso País, Galicia, que supón, non o esquezamos, o 60 % da valoración das ABAU depende xa maioritariamente das decisións que toma o Ministerio de Educación, ata nun 55 % no caso galego; e a porcentaxe restante obedece á organización do estudo de lingua e literatura galega, e –así debera ser- ao axeitamento das materias ás realidades culturais, demográficas, económicas, sociais, nas que vivimos, que o noso alumnado debera aprender porque viven aquí, son galegos e galegas, este é o seu lugar de residencia, e moi probable e desexabelmente, o seu lugar de vida; e do mesmo xeito que non estudamos o mesmo ca un suízo, tampouco debemos estudar o mesmo ca un extremeño, por poñer exemplos ao chou, porque tanto nós como as xentes doutros lugares precisamos estudar aquilo que nos arrodea, porque é o que podemos comprender, o que pode facilitarnos a formación, e o que pode, maioritariamente, servirnos para vivir despois no lugar que nos tocou; porque, non o esquezamos, o do “traballarán en calquera parte, que agora o mundo está globalizado”, é tamén unha das mentiras repetidas que disfraza, e moi cruelmente, outra realidade, a de “terán que emigrar para non morrer de fame”, para iso realmente aparecen estes globos sonda, creando un debate inútil e interesado; non se pretende mellorar as posibilidades das nosas fillas e fillos, só se pretende ter maís obreiros para ese mercado miserable que está a impoñerse.
Unhas ABAU de contido único, implicarían un ensino de contido único, que laminaría totalmente a diferenza que existe entre cada comunidade deste Estado, que tumbaría a adaptación, imprescindíbel, totalmente imprescindíbel, da formación ao alumnado que a recibe, ao lugar onde se recibe, á cultura na que ten que se incardinar. Unhas ABAU únicas serían estudantado aínda máis uniforme e uniformado.
Parádevos a pensar: por que non reclamamos un modelo igual ao portugués, ou ao francés ou sueco? Onde está a auténtica demanda que subxaz nesta falacia que nos andan a contar?
Novamente en que as nosas fillas e fillos estuden o que nunca verán e poucas veces sentirán, e tamén, que é moi importante para esta xente que defende esas ideas, que nunca estuden, nin vexan, nin sintan, que existe outra cultura, outra forma de entender a vida, e outro xeito de gozala, que, casualmente, ven sendo a que cada quen vive no seu lugar, aquí nós , en Galicia.
Este debate é falso, un exame único implicaría un modelo absolutamente uniforme de ensino, en contidos, en competencias, en organización, en modelos educativos, ao final defendendo iso conseguiríamos que aos nosos fillos e fillas quen os examinaría sería un grupo de profesores doutro lugar, de Madrid moi probablemente, que ensinan doutro xeito, e que fomentan outros resultados; ocorrería coma sempre que se pide uniformidade, en España enténdese por uniforme extender un modelo que casualmente sempre é o do centro do Estado; e nesa uniformidade sempre saímos perdendo; defender unhas únicas ABAU implicaría que as nosas fillas e fillos perderan opcións e oportunidades.
Non necesitamos unhas únicas ABAU para que a mocidade teña “os mesmos dereitos que o resto dos españois”; necesitamos que as nosas fillas e fillos teñan un Ensino Público que os forme como xente de ben, e como cidadáns preparados para defendérense no mundo real no que van a vivir; necesitamos que non existan probas de acceso a unha Universidade que debera, e hoxe non o fai, ofrecer unha formación de calidade e de futuro; necesitamos que a nosa xuventude teña a orientación vital que se adapte á realidade que vivirán, non a plantexamentos teóricos inútiles e obsoletos, pero sobre todo necesitamos que logo da súa formación académica e persoal poidan incorporarse a un mundo no que os seus dirixentes teñan pelexado para que vivan cos mesmo dereitos que o resto da mocidade do mundo todo; porque España, falando de dereitos, tamén se nos queda bastante pequena.
1 Response
[…] Un ensino español, unificado e pouco libre – ABAU (Ou EVAU) para todas […]