Novo peche de escolas. Cara onde están levando este País aqueles que nos mal gobernan
Novamente, no verán, sen contar coa comunidade educativa, a quen desprezan dun xeito absoluto; sen contar coa sociedade, a quen tamén desprezan agás de que haxa eleccións -daquela méntenlle -; volveron a pechar escolas no noso País, 107 di a prensa nos últimos dez anos, 213 nos últimos quince anos, rurais, vilegas, periurbanas, todo serve con tal de que sexan escolas pequenas, onde o gasto non “compense”, ao dicir desa xente que dirixe a organización educativa galega.
Normalmente aquí fariamos un discurso afectivo, no que diriamos que este é un País disperso, que entende a propia realidade nesa dispersión, que coñece do empobrecemento -en termos macroeconómicos- que esa dispersión provoca en relación aos estándares de riqueza marcados noutros lugares; falariamos de entendermos quen somos, ou quen queremos ser; falariamos de identidade e de afouteza, de seguranza en nós mesmos como sistema vital.
Pero é posíbel que xa non cumpra facelo así, o discurso externo leva tanto tempo espallándose dende o poder formal que agora xa hai xeracións que coidan que tanto ten vivir aquí como noutro lugar, que todo sistema é intercambiábel nas diferentes xeografías do mundo, que o feito de existiren viaxeiros fai que se confundan os lugares de onde se sae cos espazos a onde se chega; mesmo que non ten sentido sermos galegos no canto de nós ser xente coma toda a xente, sen diferenzas, sen diversidade.
Mais os lugares non son iguais, e as xentes que os poboamos non somos as mesmas; temos idénticos dereitos, merecemos idéntico respecto, temos que chegar ao mesmo desenvolvemento, pero non podemos conseguilo do mesmo xeito porque non partimos do mesmo comezo, non encetamos igual o camiño, e non andamos polos mesmos rueiros.
As preguntas que debemos facerlle a esta administración que pecha escolas sen criterio é: Que Galiza queredes impornos?, cara a que Galiza estádesnos levando?, cal é a planificación asisada que avala a perda destas escolas que nunca volverán?, onde está o Plan debullado no que poidamos confiar, ou que poidamos debater?
En Galiza levamos milenios vivindo espallados polo territorio, e fixémolo así, ao igual que temos un propio sistema de propiedade da Terra, ou un xeito de a cultivar e conservar, porque este clima, esta orografía, esta realidade trazou ese xeito de vida como o máis acaído á mantenza da xente que aquí vivía e medraba; é certo que o mundo cambia e mellora constantemente, é certo que a xente hoxe queremos vivir con moita máis comodidade material, e sobre todo con moitas máis expectativas de futuro, do que ocorría coas nosas avoas; mais non está escrito en ningures que esa modernidade haxa que pagala coa aglomeración da poboación en espazos urbanos, co baleirado das habitabilidades menores, coa desaparición sistemática de agrupamentos poboacionais non rendíbeis para a administración que ten que os fornecer de servizos básicos.
Nós estamos cansos de dicir que as escolas son sempre o último bastión que lle queda a un lugar para continuar tendo vida, para continuar agardando ter futuro; as escolas son a vida renovada e o alicerce doutras vidas e outras posibilidades; mais aínda dicimos outra cousa: cando a falta de infancia forza ao peche dunha escola, esa é a demostración dun fracaso de goberno, é a proba da súa incapacidade dunha administración para traballar polo pobo ao que lle adebeda obediencia e ao que debera render contas constantemente.
Pechamos escolas porque non hai crianzas, e non as hai porque as futuras nais e pais xa non están neses lugares, e non están neles porque alí non hai vida económica, non hai traballo; pero non hai traballo porque ese mesmo poder que pecha as escolas foi quen provocou que non houbera medios para non as pechar.
Precisamos unha organización territorial deste noso País, que responda ao aproveitamento da nosa realidade cultural, que é tanto como dicir a nosa realidade económica e produtiva; nós non podemos copiar modelos alleos, porque temos unha identidade propia e singular que podemos, e debemos, aproveitar: utilizando ao fondo o feito de sermos os únicos que sabemos e coñecemos cal é a vida desta Terra, como se pode explotar e conservar á vez, como se pode vivir nela. Precisamos deseñar un País, e logo saberemos se hai que conservar todas as escolas, ou se quizais aínda teñamos que abrir escolas novas en moitos lugares, e tamén -pode ser- pechar algunhas que están saturando as cidades innecesariamente.
A administración educativa galega ten que estar ao servizo dunha visión global de País Galego, a existencia, incremento, ou diminución de escolas ou liñas escolares, non pode rexerse por criterios de economía miserable pouco profesional; as escolas, os servizos, o trazado do País, deben ser a consecuencia de a onde queremos chegar, da Galiza que queremos conservar e enriquecer, da Terra que queremos ter, manter, e ceder aos que veñan logo de nós.
Botamos en falta esa directriz de País, e mentres non a haxa, rexeitamos todos os peches, negamos totalmente a necesidade de calquera recorte, e lembramos que os que se fan son a declaración que fai a consellaría de educación da súa propia incapacidade para defender e mellorar a vida da xente nosa. Das galegas e galegos.
1 resposta
[…] Novo peche de escolas. Cara onde están levando este País aqueles que nos mal gobernan […]