A conselleira de Educación négase a recibir ás familias galegas.
É un clamor social, mesmo con múltiples manifestacións públicas de familias afectadas, o constante recurso aos recortes na dotación de profesionais de atención á diversidade: diminúe o profesorado de apoio, compártense cada vez máis postos de orientación, carecemos de suficiente persoal coidador nos centros escolares; e a sensación das familias galegas é que a administración educativa está abandonando á súa sorte ás familias que teñen a necesidade de contar para as súas fillas e/ou fillos con persoal especializado que lles axude a superar as súas dificultades, e tamén que a adscrición de novas profesionais aos centros escolares estase a basear máis en función da presión social que da necesidade obxectiva real.
O que quere esta administración educativa é simplemente calar o ruído informativo.
E fronte a isto a consellaría de Educación respóndenos cun panfleto propagandístico no que loa os seus propios logros, totalmente inexistentes, e dinos que “encontrámonos nun momento de traballo intenso, como cada inicio de curso escolar, polo que lamentamos non poder atender a súa demanda de reunión”.
E dinnos que vivimos “na Comunidade autónoma co sistema máis inclusivo de España”, pero esa será na que viven eles, porque aquí as familias seguemos a reclamar día tras día as profesionais que as nosas fillas precisan, reclamamos as que tiñan o ano pasado e este ano perdéronse, reclamamos que os apoios se dean dentro da aula, que é onde fan falta; e negamos totalmente esa Arcadia singular na que vive a Consellaría de Educación, a quen non lle viría mal pasearse polos centros galegos e probar un pouco da súa propia atención á diversidade.
A conselleira non quere recibir ás familias porque non quere escoitar á xente, non quere escoitar que o traballo que se fai dende a súa consellaría é un traballo mal feito e clasista; o “traballo intenso” de principios de curso escolar non é máis que unha escusa mal xestionada para negarse a cumprir a súa obriga de servir á cidadanía galega, e moi nomeadamente a aquelas que representamos ao obxecto do seu traballo: as nais e pais do Ensino Público Galego.