10 de decembro. Día dos dereitos humanos
Os dereitos humanos son os que nos corresponden como persoas que formamos parte deste mundo, os que veñen connosco, os que levamos cada instante que estamos aquí; son tan nosos como a pel ou os ósos, dá o mesmo que esa pel sexa de distintas tonalidades, que eses ósos sexan dun ou doutro xénero, ou que sexan grandes como os das persoas grandes, ou miúdos coma os das crianzas. Son de noso dende o berce.
Xa viñan de seu con cada quen de nós, dende que a xente é xente, aló no principio de todos os tempos, pero ninguén os recoñecía, porque nin tan sequera existía a conciencia de telos, e houbo que superar milenios de escravitude de seres humanos por outros seres humanos até conseguirmos poñelos negro sobre branco nun papel, nunha Declaración que se adoptou na Asemblea Xeral da ONU hai xa 71 anos.
Son moitos eses dereitos, e deberiamos coñecelos, mais abonde hoxe celebrar o seu artigo primeiro:
Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos, e dotados como están de razón e conciencia, débense comportar fraternalmente uns cos outros.
Mágoa que 71 anos máis tarde nós, nos colexios públicos galegos, continuemos a botar en falta a conciencia absoluta e rotunda desa declaración, e lamentemos que aínda falte moito tempo para que toda a comunidade educativa entenda fondamente cal é o alcance da igualdade, e ata onde a fraternidade implica un xeito de actuar positivo e real.
Nos nosos centros de Ensino Público, e por parte de toda a comunidade educativa, estamos a ver todos os días como se poñen límites á atención aos diferentes, como se mal atenden as necesidades individuais, como se poñen escusas para non facer parte da vida ordinaria a aquelas persoas que non poden incluírense sos, que precisan apoios, uns apoios aos que teñen dereito, porque iso é o que lles recoñecemos aquel afastado 10 de decembro de 1948, o dereito que todas temos a que o resto da sociedade faga os esforzos precisos, e tome as decisións concretas necesarias para facer efectiva a igualdade que posúen, e posuímos, aquelas que non poden acadala por si propias.
Temos unha administración que non responde ás necesidades que marcan os desexos da cidadanía, pero haberá que pensar se temos unha cidadanía que estea disposta a esixir unha administración que realmente defenda a igualdade de todas as que hoxe estamos, e de todas as persoas que logo virán. Porque os gobernos fanse á medida das persoas gobernadas, e instrumentalizan os cambios que as persoas demandemos.
Celebremos o 10 de decembro como un paso máis na procura da igualdade, a ver se chega o día no que poidamos dicir que os dereitos de todas son a realidade de cada un dos nosos días.