Imos traballar cos Protocolos educativos
Os protocolos educativos son instrumentos que marcan o camiño que temos que percorrer en determinadas situacións, naquelas nas que é necesario saírse do estándar na actuación educativa dentro dos centros escolares. Son a guía que haberá que seguir cando unha alumna-o presenta algunha circunstancia que pode dificultar a súa aprendizaxe, ou a súa convivencia ordinaria.
Hai varios protocolos e tratan de situacións tan dispares como poden ser a Síndrome de Down ou a Identidade de Xénero, pasando polas urxencias sanitarias ou a protección de datos, e moitas outras. Todos eles indican o comportamento que deben seguir todas as partes que forman a comunidade educativa para atender estes casos.
Os protocolos son unha axuda, unha ferramenta útil para todas as persoas implicadas, para quen ten que aplicalos porque lle indican os pasos que ten que seguir, para as familias porque saben o que poden agardar do comportamento da comunidade; e, por suposto, para as nenas e nenos incluídos porque son a súa defensa fronte á inacción ou o descoñecemento.
Non son voluntarios, están aí porque son de obrigado cumprimento, así que cómpre utilizalos e coñecelos.
E iso é o que vai facer a Confederación ANPAS GALEGAS durante a primeira metade do próximo 2020: espallar o coñecemento dos protocolos educativos, de todos e cada un, por toda a xeografía galega; e farémolo a medio de charlas, xornadas, coloquios, obradoiros, todo o que se nos ocorra para chegar á xente e dicirlle que ten un xeito de mellorar a vida da súa crianza na escola. Irémosvos informado de todas as actuacións que se fagan.
O que xa está na meirande parte das anpas que temos confederadas é a cartelería da nosa campaña “COÑEDES OS PROTOCOLOS?”. Por aí andan a se repartir panfletos e marca páxinas que levan un código QR que vos levará á nosa páxina web, onde atoparedes xuntos todos os protocolos vixentes.
Mais tampouco imos parar aí: ao mesmo tempo que explicaremos o que hai, tamén demandaremos o que debera haber, falaremos da casuística do que aínda non está desenvolvido, coa intención de esixir da administración educativa que elabore novos protocolos e dea cada vez máis cobertura á diversidade. Xa sabedes, canto máis diverso sexa o Ensino, máis completa será a aprendizaxe.
Pensades que deberamos ter algún protocolo concreto? Dicídenolo, nós non chegamos a coñecer todas as situacións, pero si que podemos facelo coa axuda de todas. Contactade con nós e traballaremos xuntas.
Lembrades esta campaña?
12 do 12 ás 12, en Malpica. Hai disto, hoxe xusto, 4 anos.
Moitismas persoas encheran Malpica o 12 do 12 ás 12 da mañá, collidas da man, solidariamente.
Esa campaña foi “campal” con moita unión das familias, tanto da que encabezaba a reivindicación en Malpica como doutras, afectadas ou non, capitaneadas pola confederación ANPAS GALEGAS.
A partir de aí modificouse un protocolo de atención educativa domiciliaria para alumnado con enfermidade de longa duración.
Do protocolo fan uso familias que, en determinadas tempadas, non poden levar ás súas fillas/os aos centros de Ensino.