Para que sexamos máis no ano 2020

Xa estamos en Festas, de cheo, para unhas será Nadal e verán motivos espirituais na celebración, para outras só serán festas para comer e divertírense, haberá quen non vexa ningunha destas cousas porque os seus pensamentos van por outras crenzas. Pero para todas as nenas e nenos que están no noso Ensino Público Galego son vacacións de inverno, e durante dúas semanas non van ter que ir ao cole, e poderán descansar do esforzo do trimestre pasado. Falta lles fai que o estudo cansa, e o tempo lectivo faise sempre longo.
Estas Festas de Nadal, que algún nome haberá que lles dar, dan paso rápido ao cambio de ano; unha destas cousas que as persoas celebramos como se o paso dunha agulla dun reloxo fora cambiarnos a vida; non é así, pero é certo que todas precisamos dispor dun momento para volver a comezar, un lugar onde pensar que se pode iniciar unha nova senda, emprender novos proxectos persoais, deixar atrás o que viñera dando peores resultados e afondar no que nos dera satisfaccións; tamén é un momento para pensar no aprendido e para variar os rumbos, porque se é certo que os reloxos non marcan o tempo, non o é menos que o tempo si que marca as vidas da xente, porque do tempo aprendemos. Por iso é bo ter un día de Aninovo, para poder coller todo o que sabemos e comezar de novo con toda a ilusión.
E nós, as ANPAs, as familias, as nais e pais, tamén temos que aprender: este ano de numeración tan redonda e repetida, 2020, ten que ser o ano no que falemos máis da diversidade, da participación de todas as nenas e nenos na vida ordinaria, constante, inmediata, satisfactoria e cotián das outras nenas e nenos, sen que ningunha quede fóra.
Porque levamos demasiado tempo dicindo “é que non pode ser porque…” para nos dar escusas no abandono, na desatención, no apartamento daquelas de quen pensamos que non poden sumarse, que non nos decatamos de que somos nós, e forzamos ás nosas fillas e fillos a facelo tamén, quen non somos quen de nos sumar á súa vida, de elaborar unha sociedade onde todas esteamos presentes e cómodas.
Non imos conseguir facelo con todas este ano que vén, pero quizais poidamos xuntar algunhas persoas máis, e sermos máis grandes, máis completas. Na escola, por suposto, e na vida tamén.
Para que todas as nenas e nenos teñan o seu lugar na xuntanza de todas,
BO NADAL 2019,
FELIZ 2020.