LOMCE non!!! E será desta?
LOMCE NON !!! E SERÁ DESTA?
Dende bastante antes do ano 2013, cando se aproba e publica, as ANPAS GALEGAS estivemos en contra da LOMCE, en contra dunha norma que se anunciaba como segregadora, centralizadora, pro relixiosa e clasista, e ademais, por se non abondaba, antidemocrática e elitista.
A LOMCE aprobouse, apoiada pola maioría parlamentar dese momento pero rexeitada pola maioría social, publicouse e aplicouse – iso menos, pero tentar tentáronno – e levamos sete anos padecendo a confirmación de todo o que anunciabamos, e o que non se confirmou foi sinxelamente porque a oposición da comunidade educativa foi férrea e forzou a cambios e modificacións de urxencia, como foi o caso das reválidas, un dos maiores fitos da loita educativa neste País e a demostración de que somos nós quen, cando nos xuntamos, forzamos o ritmo dos cambios.
LOMCE é pro católica, e incrementou a cantidade de alumnado nas clases de relixión a medio de considerar avaliable unha materia ideolóxica, e non avaliábel en calquera momento, é avaliábel en 2º de Bacharelato, cando unha décima máis decide unha carreira e un futuro profesional; porque a avaliación contou coa colaboración interesada dun profesorado que outorgou notas altas a cambio de subir matrícula na súa materia.
LOMCE é segregadora, porque agora mesmo estamos todas dando fondos públicos a centros privados que separan por xénero ao alumnado, concertando prazas con eles e afirmando como legal unha situación que rompe cos principios de igualdade e coeducación.
LOMCE é centralizadora, perdemos a materia de coñecemento do medio, que era algo tan importante como situar ás crianzas no lugar onde viven e facerlles entender a súa contorna; pero tamén sufrimos currículos que pretenden visualizar unha idea de Estado que non se corresponde coa realidade constitucional nin co vivir social.
LOMCE é antidemocrática, acabou coa capacidade decisoria dos consellos escolares, pretendeu, e iso si que o logrou, crear equipas directivas submisas ao poder político dos gobernos;, na práctica retirou ás familias das escolas e institutos e tentou que a nosa presenza fose simplemente testemuñal, sen real capacidade de traballo e participación.
LOMCE foi todo iso, e ségueo sendo, pero sobre todo foi unha lei contra a inclusión.
O peor da LOMCE é a súa intencionalidade de crear un ensino de elite, ao que só poderían acceder aqueles que se mantiveran nun estándar económico e social, pero tamén neurolóxico, afectivo, físico… O ataque real da LOMCE foi ese, a intención de deixar na cuneta a todas as persoas que non responderan á “normalidade” que algunhas entendían. Menos mal que non o consentimos, de todo polo menos, e que a sociedade continúa avanzando.
Pero, que foi realmente o que pretendeu esa Lei ?, cara a onde quixo levarnos?, por que se fixo, se non había auténtica demanda social dun cambio educativo?
LOMCE non foi máis, nin menos, que un movemento económico empresarial. A pretensión que veu detrás desa norma inútil foi comezar coa entrega do negocio da educación ao sector privado, facilitando a implantación de centros privados concertados, diminuíndo a calidade do Ensino Público ata que as familias cambiaramos a nosa opción pola dun centro privado, inicialmente concertado e que logo aos poucos habíase ir privatizando de verdade. Metendo os cartos polo medio para que a educación fose, como antes foi, e algúns sempre quixeron que fora, patrimonio dunha clase económica, e garantía dun futuro profesional escolleito para unhas poucas.
Agora temos outra posibilidade, e non por remota imos deixar de defendela, de acabar con aquela reforma, de conseguir un cambio, de recuperar dereitos e competencias, de abrir as fiestras e permitir que volva a entrar o ar nos centros educativos públicos, e debémonos gabar de a ter, e de ter resistido ata aquí..
Pero convén non esquecer que o dano foi moito, que o retroceso do Ensino Público nestes anos foi inmenso, perdemos convivencia, perdemos participación, retrocedemos en inclusión, introducimos debates xa superados, volvemos atrás; e todo isto hai que devolvelo; é imprescindíbel recuperar a situación anterior á LOMCE, sen dúbida, pero hai que ter a arela de avanzar máis aló de onde estabamos; eliminar a LOMCE das nosas vidas pode ser un éxito que aínda non está nin garantido nin pelexado, e debemos traballar por aseguralo; avanzar logo, xa mesmo, por unha educación máis xusta, máis galega, máis inclusiva, totalmente laica, é unha obriga que non podemos perder de vista nunca.
Non á LOMCE !!! E a ver se é a derradeira vez que temos que dicilo.