Xuntanza do 7 de febreiro de 2020
O 7 de febreiro tivemos a nosa xuntanza bimensual, neste caso a primeira do ano 2020, foi unha reunión de moita burocracia porque tocaba aprobar contas e facer orzamentos; pero tamén foi unha reunión de despedidas e benvidas, porque tocou renovar cargos na directiva.
A partir de agora a Vicepresidenta da Confederación será Isabel Calvete Carrera, Presidenta da FAPACEL, quen substitúe no cargo a Xosé Antón de la Fuente Subiela, un dos nosos históricos que estaba connosco dende a fundación da Confederación. Botaremos moito de menos a Antón, marchou porque o seu tempo nas Anpas chegaba ao seu fin, que é algo que nos ocorre a todas cando as crianzas están a abandoar o Ensino Público; pero perder colegas de tantos anos entristece. Boa sorte para Antón en todo o que emprenda. Aquí deixou moito e moi ben feito. Grazas.
No debate das nosas contas anuais, que son de pouco carto e moita intención, investimos moito do tempo desa xuntanza, porque ao final os cartos definen parte da actividade, e isto era o que había que debatir:
- acordamos continuar pelexando polo rural, e facer outra xornada anual dedicada a este aspecto fundamental;
- pechamos para o mes de maio en Vigo unha Xornada sobre Acoso Escolar, esa lacra interminábel que está a manchar a nosa convivencia. Tentaremos achegar o noso gran de area á súa solución.
- Adicaremos os nosos máximos esforzos á campaña de protocolos escolares, faremos 21 intervencións, como mínimo, por toda a xeografía galega; falarase de todos os protocolos, e, cando menos unha vez en cada unha das nosas Federacións asociadas, falaremos doutra necesidade que tería que ter un protocolo dispoñíbel. Temos que lograr que a Atención á Diversidade sexa unha realidade normalizada no noso Ensino.
- Acordamos solicitar a subvención que ven de convocar a Secretaría Xeral para a Igualdade, desta volta falaremos de relacións afectivo-sexuais; faremos unha guía e difundirémola. Temos que saber axudar ás nosas fillas e fillos para que vivan unha sexualidade libre, segura, respectuosa e tamén agradábel e confiada.
- Falamos de comedores, de recortes, de despoboación, de consellos escolares municipais, da participación das institucións…
E, quizais o máis importante, fixamos xa a data da próxima xuntanza, será o 27 de marzo, entrementres traballaremos, e daquela seguiremos falando e informando.