PIDEN MÁIS DIÑEIRO PARA O ENSINO CONCERTADO
O partido popular, que está gobernando actualmente na Xunta de Galicia, pide que as comunidades autónomas poidan destinar tamén aos centros educativos privados concertados parte do diñeiro que o goberno do Estado repartirá entre todas as CCAA para financiar intereses en educación no próximo curso 2020-2021.
O Ensino concertado é unha anomalía do sistema educativo español, que permite que parte dos fondos públicos, os que recadamos cos impostos de todas, estea financiando centros educativos privados; coa xustificación, e levamos corenta anos coa mesma, de que non existen prazas públicas abondas como para asegurar o dereito universal á escolarización obrigatoria. Durante estes corenta anos non se avanzou nada na edificación deses outros centros necesarios, para que así puideramos ir abandonando a concertación de prazas públicas; máis ben ao contrario, pretendeuse sistematicamente darlle carta de natureza a ese recurso, atribuíndolle conexións co dereito das familias á libre elección de centros, dereito que o noso Tribunal constitucional negou hai moitos anos moi rotundamente: “o dereito á educación non comprende o dereito á gratuidade educativa en calquera centros privado, polo que os recursos públicos non teñen porque acudir, incondicionalmente, onde vaian as preferencias individuais” (sentenza 86/1985 do 10 de xullo).
Pero os centros educativos privados, un gran negocio en mans moi antigas, continúan recibindo enormes subvencións de diñeiro público, subvencións que mercan prazas innecesarias, porque hai prazas públicas baleiras a escasos metros, ou a tiro de pedra dunha correcta zonificación escolar; que permiten a selección discreta e directa do alumnado, que posibilitan centros nos que se ataca á diversidade ideolóxica, que favorecen a separación por razón de xénero, ou que simultanean o cobramento ás familias usuarias de diversas contías que contradín o mandado constitucional de que o ensino obrigatorio sexa gratuíto.
O Ensino privado está dentro da lóxica constitucional vixente. É lícito que alguén poida pagar o que decida para mercar unha educación de elite para as súas fillas ou fillos, cousa diferente é o que acabe conseguindo, pero ese non é o noso problema; pero a concertación de prazas públicas é unha manipulación discriminatoria do sistema, porque o único camiño para o cumprimento do dereito cheo á educación que establece o artigo 27 da constitución é a formación dunha estrutura pública que garanta iguais recursos, os mellores, igual acceso, e igual tratamento a todas as persoas, independentemente da súa circunstancia e, sobre todo, do custo que supoña a súa atención, e esa igualdade só está garantida no Ensino Público.
Estamos a vivir aínda as consecuencias recentes de termos uns centros de ensino públicos mal dotados de infraestrutura tecnolóxica, de que a meirande parte do noso alumnado rural (ese que habita onde non hai ensino privado concertado porque non é negocio) tivese serios problemas de conexión co seu profesorado porque non hai redes accesíbeis, de que non houbera recursos para a atención ás necesidades específicas de apoio educativo (esas que están maioritariamente traballadas no ensino público, sobre todo cando o mantemento das súas prazas implican un gran custo económico e dotacional), e de que as familias tiveramos que complementar, outra vez, coma sempre, todas as eivas dun sistema que o que necesita é un forte investimento económico. E aínda agora, que imos repartir unhas escasas migallas, aparece un partido que reclama facer negocio con elas, que reclama retirar fondos do público para o negocio privado.
Por iso REXEITAMOS o uso de fondos públicos, máis aínda dos que se poidan conseguir neste momento, para derivalos a centros privados e para ningún outro fin que non sexa o mantemento e a mellora das dotacións públicas do ensino en Galicia. Máis aínda, esiximos que ese diñeiro vaia integramente destinado a asegurar que todo o alumnado galego de centros públicos reciba a atención que precisa, coa conectividade, os medios tecnolóxicos, a adaptación de materiais e a compañía emocional que lle foi furtada logo de décadas de recortes e desgoberno educativo.
2 Responses
[…] PIDEN MÁIS DIÑEIRO PARA O ENSINO CONCERTADO […]
[…] PIDEN MÁIS DIÑEIRO PARA O ENSINO CONCERTADO […]