Historias do protocolo de volta ao cole, visión das familias.
Dentro da diversidade que nos atopamos nun centro educativo o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) é tan só unha parte do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e que non se está a considerar. É un gran erro o esquecemento por parte da consellería e, polo tanto unha vez mais, queda de manifesto que están a facer invisíbel a unha parte do alumnado.
Segundo este Protocolo a atención á diversidade que ten en conta a Consellería só está enfocada a unha parte do alumnado e coa recomendación de usar máscara cando non se cumpra coa distancia de seguridade. Acaso o resto do alumnado non terá que usala de ser o caso? Tal e como se fai referencia no Protocolo e si se considera só ao alumnado NEE (trastornos graves da comunicación; discapacidade sensorial: auditiva e visual; trastornos do espectro autista; …), onde queda a necesidade real de atención a ese alumnado? Acaso non se ten en conta a dificultade engadida que lles pode supor o ter que estar quieto mirando ao fronte sen moverse e cunha máscara posta durante todo o tempo lectivo? Pero, iso si, “asignarase un aseo no centro no que intensificará a limpeza e a desinfección como medida de prevención de risco” En que informe e/ou escrito se basea a Consellería para ter que apartar unha vez mais a este alumnado? Acaso os considera mais transmisores do virus? Ou si acaso pretenderán que agradezamos que teñan un aseo exclusivo e mais hixienizado? Pois ata creo que non vai ser.